PLENO

Acordo unánime para crear novas zonas de skateboard

15/12/2016 O Pleno da Corporación acordou hoxe por unanimidade a creación de novas zonas de skateboard e patinaxe en Santiago. Foi a raíz dunha proposta do BNG, que contou cos votos favorables de todos os grupos da Corporación.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, aproveitou o debate da proposta para avanzar que o seu departamento está traballando nun proxecto de remodelación do parque da Constitución, onde actualmente existen unhas instalacións para a práctica do skate "que nin son as máis acaídas nin están nas mellores condicións". O edil sinalou que a proposta na que se está a traballar "pasa por trasladar o parque infantil a outro punto da praza da Constitución, para localizar a zona de skate no seu lugar, xa que conta cun material que paliaría os danos que sofren os deportistas nas súas caídas". Tamén se modificaría o espazo para paseos caninos, e instalarías unha zona con mesas para o uso familiar.

Xan Duro adiantou que a súa Concellaría "mantivo xa contactos cun mestre da escola de canteiría de Porriño, que xa realizou outras pistas de skate como as do Grove ou Ponteareas". O compromiso do concelleiro é que o proxecto de remodelación da praza da Constitución estea finalizado o ano que vén, para executar as obras "no ano 2018 como moi tarde".

Plan Director da zona arqueolóxica
O Pleno tamén aprobou hoxe, cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, unha proposta dos socialistas para elaborar un plan director da zona arqueolóxica de Santiago. Trátase dunha iniciativa para poñer en valor o noso patrimonio arqueolóxico, que contempla, entre outras medidas, o deseño dun roteiro que favoreza o coñecemento das mámoas ou xacementos de Compostela. O texto aprobado incorporou unha emenda de Compostela Aberta, para que o futuro parque arqueolóxico da cidade estea localizado en Villestro, onde xa existe unha infraestrutura sobre esta temática.

Outros acordos
Cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG e coa oposición do PP, o Pleno da Corporación tamén aprobou unha moción presentada polo grupo nacionalista que ten como obxectivo garantir o subministro eléctrico a persoas con poucos recursos, para combater a pobreza enerxética. O texto avoga por axilizar a concesión de axudas de servizos sociais a persoas que teñan necesidades deste tipo, e porque o Concello inste ao Goberno do Estado a facer unha modificación normativa que prohíba os cortes de subministro eléctrico no inverno.

Ademais, recibiron luz verde dúas mocións presentadas polo PSOE, unha pedindo unha serie de melloras na rúa do Home Santo, e outra reclamando que a Policía Nacional quede en Santiago, con máis medios materiais e humanos.

Compartir: