PLENO

A Corporación aproba o inicio da asunción directa dos servizos de ORA e guindastre por parte de Tussa

15/12/2016 O Pleno da Corporación acordou hoxe iniciar o procedemento de asunción directa da xestión do servizo de ORA e guindastre a través da empresa municipal Tussa. Péchase así o proceso administrativo que iniciara o Goberno local, tras recibir a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulara a adxudicación do servizo á empresa Setex Aparki por incumprir o prego técnico de condicións do procedemento.

A proposta aprobada no Pleno, cos votos a favor de Compostela Aberta e BNG e a abstención de PP e PSOE, tamén contempla a constitución dunha comisión técnica, tal e como establece a lexislación da Administración local. Este órgano estará integrado polo alcalde; o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia; dous concelleiros designados polo grupo municipal do PP; un designado polo PSOE e outro designado polo BNG. Por último, a Comisión contará coa participación e asesoramento técnico, como mínimo, do xerente de Tussa, e representantes dos servizos municipais de Persoal, Contratación, Policía Local-Tráfico, Intervención e Asesoría Xurídica. A memoria que aprobe a comisión terá que estar exposta ao público durante un prazo de 30 días, e volverá ao Pleno para a súa aprobación.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade defendeu o traballo feito ao longo deste procedemento, e defendeu que a xestión directa do servizo é "a opción máis beneficiosa para a cidadanía". Neste sentido, Jorge Duarte explicou que "a municipalización da ORA e do guindastre permitirá poñer en marcha medidas que favorezan aos veciños e veciños de Compostela, como bonificacións ou gratuidade nalgúns tramos horarios".

Pola súa banda, o alcalde defendeu que sexa Tussa quen asuma prestación do servizo "porque é a fórmula máis garantista dado o marco legal que temos na actualidade, sobre todo no que ten que ver coa subrogación do persoal". Martiño Noriega incidiu en que o Goberno xa ten avanzado moito traballo para facilitar a xestión directa "no que ten que ver co persoal e mesmo no que ten que ver cos terreos que deberán servir como depósito para os vehículos retirados polo guindastre".

Longo procedemento con todas as garantías
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou durante o Pleno todos os pasos que se foron dando ao longo do último ano "co obxectivo de garantir a máxima seguridade xurídica no proceso de asunción directa dos servizos de ORA e guindastre por parte de Tussa".

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a concesión da ORA e o guindastre nunha sentenza ditada en setembro de 2015. En outubro, a Xunta de Goberno Local acordou executar a sentenza, ordenando a continuidade dos efectos do contrato ata que a Corporación adoptara unha decisión sobre a xestión dos servizos.

En xaneiro de 2016, o consello de administración de Tussa aprobou a modificación dos seus estatutos para poder ampliar o seu obxecto social aos servizos da ORA e o guindastre. En maio, ao expediente aberto incorporouse un informe elaborado por unha auditoría externa, Faura-Casas, sobre os custos efectivos, a situación económico-financeira e as estimacións futuras do contrato de xestión dos servizos, así como outro informe xurídico sobre cuestións de persoal derivadas da posible remunicipalización.

Os dous eran favorables á medida, polo que a Xunta de Goberno solicitoulle a Tussa que se pronunciara sobre a viabilidade da encomenda de xestión. Ese informe de viabilidade chegou no mes de setembro, e xa en outubro Faura Casas emitiu un novo informe económico sobre a liquidación do contrato con Setex. Todos os informes avalan a viabilidade de que os servizos de ORA e guindastre sexan prestados pola sociedade mercantil Tussa, decisión que finalmente hoxe avalou o Pleno da Corporación.

Compartir: