NADAL 2016

O Mercado da Estrela celebra o seu Festival 5º Aniversario con oito concertos gratuítos e máis de 80 expositores

15/12/2016 O sábado 17 e o domingo 18 de decembro festéxase a quinta edición do Mercado da Estrela en catro espazos da cidade, que acollerán unha feira de agasallos de Nadal e unha ampla programación de balde para todas as idades. O Museo do Pobo Galego, a praza 8 de Marzo, o Matadoiro Compostela e a Cantina Gourmet no corredor de Bonaval serán as localizacións onde se desenvolverá a iniciativa.

O Mercado da Estrela, festival urbano de inverno para visibilizar o talento dos creadores, artistas, artesáns, produtores e emprendedores galegos, celébrase esta fin de semana en Santiago de Compostela con moitas novidades respecto a edicións anteriores: máis de 80 marcas amosando os seus produtos, pezas e elaboracións en distintos espazos da cidade e unha ampla programación lúdico-cultural de balde e para todas as idades.

A Feira Creativa situarase no Claustro do Museo do Pobo Galego e no Matadoiro Compostela, con 70 marcas de deseño de moda e complementos, robótica e xoguetes artesanais, bixutería e xoiaría, ilustración e papelería, decoración, cerámica e obxectos para o fogar, etc. Na praza 8 de marzo aterrarán sete atractivos vehículos de comida que ofrecerán unha apetecible oferta gastronómica de hamburguesas gourmet, elaboracións a base de lacón e polvo, chocolate quente con churros, etc., que os visitantes poderán degustar ao resgardo da chuvia e dinamizados polas sesión de DJ Nano Vinilo e DJ Tristón de 11:00 a 22:00 horas. A Carpa Cantina Gourmet ampliará a carta de restauración e será o espazo no que se desenvolverán os concertos das bandas galegas da electrónica, indie, pop, surf e rock que participarán no 5º aniversario da iniciativa coa presenza de dez marcas que ofrecerán pizzas e cervexas artesás, hamburguesas de cachena, arepas, vermús e unha gran diversidade de elaboracións gastronómicas.

O Mercado contará ademais cunha visita guiada de balde ao Museo do Pobo Galego e ao propio Mercado para reflexionar sobre a evolución dos oficios tradicionais en Galicia, actividades de reciclaxe, un servizo de gardería-ludoteca de balde e un espazo lúdico-divulgativo para celebrar o Ano Internacional dos Legumes no Matadoiro Compostela. Ademais, Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía, Iván L. Gimeno e o estudo de deseño Cenlitrosmetrocadrado aconsellarán aos novos emprendedores no Foro Emprendedores a Escena, mentres Sergio de la Ossa impartirá un obradoiro de Cantos de Nadal no Museo do Pobo Galego, con dous pases ao longo da fin de semana.

Na parte musical, o Mercado da Estrela contará cos Concertos Galicia Calidade ás 21:00 horas do sábado 17 (Adrián Costa) e do domingo 18 (Los Árboles), un concerto Vermú Lodeiros con Álex Casanova (domingo 18 ás 13:30 h), a actuación de IGMIG a modo de afterparty das iniciativas Fun Fun Fun! e Mercado da Estrela (sábado ás 17:00 h) e as actuacións de The Phantom Dragsters (sábado 17 ás 13:30 h), Dois (sábado 17 ás 18:30 h), Belop (22:30 h), Selvática (domingo 18 ás 18:30 h) e as sesións de Isaac Torgal DJ, Nano Vinilo DJ e DJ Tristón.

Como novidade, este ano habilitarase ademais unha lista musical colaborativa en Spotify (Playlist Mercado da Estrela) para que todos os seguidores da iniciativa poidan colgar os seus temas favoritos e escoitalos durante a fin de semana na Cantina Gourmet e no Matadoiro Compostela, e un muro interactivo ao que todos os asistentes poderán achegar as súas fotografías, desexos e mensaxes a través de sms ao teléfono 662 003 040 ou tweets co hashtag #mercadodaestrela para que se proxecten na Cantina Gourmet.

Festival lúdico para a visibilización do talento galego
Cunha asentada traxectoria na cidade dende 2012, o Mercado da Estrela amplía os seus contidos na súa 5ª edición, consolidándose como un festival urbano de inverno que, co seu lema "Agasalla talento galego", continúa fiel á idea de que apostemos polos produtos de Galicia nos agasallos das festas e aproveitemos a súa programación gratuíta para os reencontros e os brindes previos a Noiteboa.

Configúrase así como unha proposta moderna e integradora de música, artesanía, sostibilidade, gastronomía, solidariedade, creatividade, ocio, compras e novas tendencias que servirá como atractivo para turistas, visitantes e poboación local e que reunirá a creadores, artistas, artesáns, produtores e emprendedores chegados dende toda Galicia para dar a coñecer as súas pezas e produtos nas datas previas ao Nadal.

O horario do Mercado da Estrela será de 11:00. a 21:00 horas no Museo do Pobo Galego e no Matadoiro Compostela; de 11:00 a 22:00 horas nas zonas de restauración; e ata a madrugada na Cantina Gourmet, onde terán lugar os concertos e sesión clubbing na noite do sábado ao domingo.

O Mercado da Estrela é unha iniciativa da empresa Correveydile que conta co patrocinio de Turismo de Santiago, Gadis e Galicia Calidade, e que está realizada grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, Cafés Candelas e Vermú Lodeiros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: