EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello conmemora o 68 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos cun cento de nenos e nenas

15/12/2016 O Concello de Santiago celebrou esta mañá un acto de conmemoración do 68 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos mediante a lectura dun manifesto institucional por parte do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e dos artigos da Declaración.

No acto participaron alumnos e alumnas dos CEIP Raíña Fabiola e López Ferreiro, e do Colexio Nosa Señora dos Remedios. Os nenos e nenas deron lectura a unha selección dos 30 artigos da Declaración dos Dereitos Humanos e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, ao preámbulo.

O alcalde de Santiago destacou que "estamos diante do documento internacional máis influínte, dende logo, da época contemporánea. Empeza cun extraordinario preámbulo no que destacan recoñecementos explícitos de que o descoñecemento e menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade".

O acto de conmemoración deste documento estivo amenizado por dous profesores da Escola Municipal de Música, Loida Díaz e Guillermo Alzugaray, que interpretaron unha peza ao comezo e outra ao final do mesmo.

Compartir: