NADAL 2016

Menús e contos doutros países no programa "Convive no Nadal"

15/12/2016 O concelleiro Xan Duro presentou hoxe unha das actividades de programación de Nadal, impulsada dende a Concellaría de Políticas Sociais e en colaboración coa Plataforma polo Emprego e o Foro da Inmigración. Trátase do programa Convive no Nadal, que ten como obxectivo "dar a coñecer as tradicións doutros países, lugares de orixe de moitas persoas que son hoxe as nosas veciñas nunha cidade tan intercultural como Compostela". Na presentación participou Rocío Rodríguez, representante da Plataforma polo Emprego.

A primeira parte do programa está dedicada á gastronomía porque, tal e como apuntou Xan Duro, "en calquera lugar do mundo a comida é un elemento central nas celebracións do Nadal". As actividades desenvolveranse na aula de cociña da Praza de Abastos, cunha parte dedicada á elaboración de pratos típicos e outra á degustación.

O sábado haberá dúas actividades: unha sobre a gastronomía de Paraguai, ás 16:00 horas, e outra sobre sobremesas típicas de Colombia, ás 18.00 horas. O domingo, a partir das 16:00 horas, elaboraranse pratos típicos de Ecuador, e a partir das 18:00 horas, menús da República Dominicana.

A participación é de balde. Só é preciso inscribirse a través do correo electrónico da Plataforma polo Emprego (plataformapoloemprego@gmail.com) ou no teléfono 981 580 506.

Contos e cantos de Nadal
Dentro do Convive no Nadal tamén haberá actividades centradas nos contos típicos doutros países, que se desenvolverán en varios centros socioculturais de Compostela.

O primeiro encontro será o día 20, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural Cardeal Quiroga, con relatos de Colombia. O día 22, tamén ás 18:00 horas, o Centro Sociocultural de Santa Marta acollerá unha actividade sobre os contos de Nadal de Chile. En canto aos cantos, poderemos escoitar panxoliñas de Paraguai, o día 27 a partir das 18:00 horas no Centro Sociocultural de Conxo, e panxoliñas de Perú, o día 29, tamén ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural de Bando.

Compartir: