NADAL

A Fundación Secretariado Xitano atendeu máis de 200 persoas grazas ao convenio de colaboración co Concello

15/12/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, acompañada da coordinadora da Fundación Secretariado Xitano en Compostela, Isabel Suárez, e do mediador intercultural Luis Jiménez, deu conta da memoria de actividades desenvolvidas pola asociación grazas ao convenio de colaboración posto en marcha co Concello de Santiago.

"En total, puxéronse en marcha catro programas que tiñan como finalidade facilitar o acceso das persoas xitanas ao emprego, a educación e a igualdade", explicou a concelleira. O Programa Acceder de formación e emprego está dirixido a persoas maiores de 16 anos para a promoción do acceso da poboación xitana a un emprego de calidade, desenvolvendo accións no eido sociolaboral e da formación e o emprego.

Concha Fernández informou que "nese sentido, puxéronse en marcha itinerarios individualizados de inserción laboral xunto con outras accións para a mellora das cualificacións profesionais e acción de mediación laboral con empresas". O Programa Acceder atendeu a un total de 213 persoas (das cales 31 son de nova incorporación) leváronse a cabo 13 cursos que formaron a 60 persoas e xestionáronse 26 contratos de traballo.

Programas educativos
A Fundación Secretariado Xitano tamén desenvolveu o Programa Promociona e Pre-Promociona, dirixido ao eido educativo, "co obxectivo de que cada vez máis nenos e nenas xitanas acaden o título da ESO e continúen cos estudos post obrigatorios". O programa Promociona diríxese a alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e a todos os cursos da ESO e o programa Pre-Promociona diríxese a alumnado de 3º e 4º de primaria. Trabállase cos diferentes axentes que participan no proceso educativo do menor: o propio alumnado, as familias, os centros educativos e outros axentes educativos e sociais.

Ademais de realizar un seguimento do proceso educativo de cada alumno/a mediante titorías individualizadas, entrevistas familiares e sesión grupais, realízase apoio académico nas aulas Promociona e Pre-Promociona. Dentro deste programa atendeuse a un total de 12 alumnos e alumnas, seis de primaria e seis de secundaria, nun total de oito centros educativos.

Igualdade e emprego
Tamén se leva a cabo o Programa Cali, pola igualdade das mulleres xitanas e para garantir o exercicio dos seus dereitos e a defensa dos mesmos. Un programa que busca, en definitiva, a plena cidadanía. Unha das principais novidades reside no seu enfoque integral, abordando as necesidades das mulleres xitanas dende unha perspectiva multidimensional (persoal, social, laboral) e orientada a promover a igualdade (igualdade de oportunidades, igualdade de xénero e igualdade de trato).

Os tres grandes obxectivos son: promover a igualdade de oportunidades para a inclusión social e o acceso ao mercado de traballo a través de itinerarios socio-laborais personalizados; promover a igualdade de xénero entre mulleres e homes rompendo barreiras culturais, incorporando a corresponsabilidade, e sensibilizando sobre a violencia de xénero; e promover a igualdade de trato, loitando contra toda forma de discriminación e asistindo ás vítimas.

Finalmente, o Servizo Ecotur, unha bolsa de emprego de profesionais formados e formadas para desempeñar tarefas de auxiliar de congresos, promocións, entrega de premios, etc.

Fundación Secretariado Xitano
É unha entidade social intercultural sen ánimo de lucro que presta os seus servizos en todo o Estado español e no ámbito europeo. A súa misión é a promoción integral da comunidade xitana dende o respecto e apoio a súa identidade cultural.

A Fundación promove o acceso das persoas xitanas aos dereitos, servizos, bens e recursos, en igualdade de condicións co resto da cidadanía. Para iso, a FSG desenvolve todo tipo de accións que contribúan a alcanzar a plena cidadanía das persoas xitanas, melloren as súas condicións de vida, promovan a igualdade de trato e eviten toda forma de discriminación e promovan o recoñecemento da súa identidade cultural.

Compartir: