NADAL

O Goberno acorda abrirlle un expediente á adxudicataria da iluminación do Nadal

14/12/2016 A empresa Ferrovial encargarase de auditar o estado das instalacións e solucionar as deficiencias, baixo a dirección dos técnicos municipais.

O goberno local acordou esta mañá a apertura dun expediente á empresa Iluminaciones Salnés SL, adxudicataria da iluminación decorativa do Nadal. A decisión ten que ver coa execución defectuosa do contrato, así como coa demora no seu cumprimento. O contrato coa empresa Iluminaciones Artísticas Salnés SL foi asinado o pasado 1 de decembro, e dáballe un prazo de dez días para ter finalizada a instalación da decoración de Nadal.

En canto aos defectos na execución do contrato, o goberno local recibiu onte pola tarde un informe técnico, derivado da inspección nas instalacións, que alerta de irregularidades que supoñen incumprimentos do prego técnico da adxudicación e que poden poñer en risco a seguridade das persoas.

Diante desta situación, o goberno encomendoulle esta mañá á empresa Ferrovial SL, responsable do alumeado público municipal, a realización das actuacións necesarias para auditar o estado das instalacións e solucionar as deficiencias de xeito inmediato.

Previamente, desde a concellería responsable dérase a orde de desconectar os elementos decorativos que non cumprían todos os requisitos, e que non estarán operativos de novo ata que se garanta a seguridade.

Compartir: