DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O I Foro de Economía Social Inspiradora buscará a promoción económica centrada nas persoas

14/12/2016 Mañá xoves terá lugar, no edificio Cersia, o I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na adversidade. Celébrase por primeira vez en Santiago, dado o interese que ten este Concello por estimular a promoción económica centrada nas persoas como motores de cambio e na responsabilidade empresarial como factor clave do emprendemento sostible.

A xornada será inaugurada ás 10:00 horas pola concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández. Posteriormente, ás 12:00 horas, terá lugar a entrega dos Premios Indea, concurso de ideas innovadoras, a cargo da propia concelleira de Políticas Sociais e da concelleira de Igualdade, Marta Lois. Ás 14:00 horas pecharase a xornada de mañá cunha presentación de experiencias e recursos.

Nas xornadas celebraranse charlas e actividades onde se combinan experiencias reais con dinámicas grupais que axuden a superar a negatividade, afrontar retos e establecer redes de colaboración. Neste Foro tamén se quere coñecer e recoñecer o traballo de empresas con valores sostibles, igualitarios e solidarios.

O Foro ten polo tanto varias vertentes complementarias entre si. Por unha banda, a economía centrada nas persoas, a autoestima e motivación persoal e profesional. Por outra banda, a autoanálise que permite identificar habilidades e talentos que permitan recuperar a autoestima persoal e profesional. Programas como Aposta por ti ou o Proxecto Colabora, no marco do Compostela Móvese, inciden directamente na recuperación da autoestima e motivación como motor de cambio que parte dun mesmo, tanto á hora de buscar traballo por conta allea como para emprender por conta propia.

Charlas inspiradoras
No Foro quere presentarse un cambio de enfoque, de forma que unha época de crise económica poida ser percibida como época de cambio de modelo económico e, polo tanto, de oportunidades para emprender. Neste caso, contaremos coa experiencia de tres persoas emprendedoras con perfís moi distintos, que foron capaces de superar fracasos e adaptarse aos cambios dunha nova situación na que emprender con conciencia e valores é a clave do éxito. Nestas charlas participarán Jesús Illán, Idoia Cuesta e Muuhlloa.

A economía social
A economía social no marco deste Foro non só estará centrada nas formas xurídicas de empresas, senón que o enfoque é moito mais amplo. O Foro quere ir mais alá, falando da necesidade de colaborar, aproveitar as sinerxías entre empresas ou sumar esforzos para crear redes de traballo que permitan desenvolver proxectos conxuntos. Ao igual que se está a facer no marco do Compostela Móvese, cos adestramentos colaborativos que buscan establecer esas alianzas entre persoas que podan derivar no deseño e implantación de proxectos en rede co apoio do concello de Santiago

Contarase co relatorio de Coop57, unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que recada aforro popular da sociedade para o canalizar cara o financiamento de proxectos de economía social e solidaria. Proxectos que proporcionen un valor engadido ao conxunto da sociedade.

E contarase tamén coas entidades relacionadas coa Economía Social (UGACOTA, AESGAL E AEIGA), e presentaranse os resultados do informe sobre Economía Social en Santiago de Compostela..

Ademais das charlas e relatorios da mañá, no Foro desenvolveranse dous obradoiros pola tarde, ambos en horario de 16:30 a 18:30 horas, que afondarán na temática de "A importancia de traballar na construción do noso equipo como elemento clave: propósito e valores". Este obradoiro comprende dúas actividades, a primeira a cargo das persoas participantes no programa Colabora, que incidirá na importancia de traballar na construción do equipo como elemento clave: propósito e valores. Presentarán o equipo que construíron e os proxectos que están comezando a desenvolver utilizando dinámicas de co-participación. Na segunda parte, as co-organizadoras do programa invitarán as participantes a vivir e experimentar o equipo como ferramenta e metodoloxía empoderadora para ser axentes de cambio nos nosos contornos persoais e profesionais.

Haberá tamén un "Taller para o deseño de proxectos de colaboración". Este obradoiro desenvólvese no marco do Grupo de Emprendemento Creativo e vai destinado ás persoas interesadas no deseño e implantación de proxectos en rede. Esta acción, que será liderada polas persoas co-organizadoras do grupo, consistirá na busca de alianzas entre as persoas asistentes, a través de dinámicas de aprendizaxe compartido, que axuden a xerar ideas de proxectos de colaboración.

Espazo expositivo
Ademais dos relatorios que se celebrarán no salón de actos do Cersia Empresa, nos espazos comúns do edificio as persoas asistentes poderán coñecer proxectos e iniciativas que participaron nos programas municipais de fomento da economía social e colaborativa. O Foro será, grazas á súa aportación, un crisol de experiencias persoais e colectivas nas que inspirar a túa propia iniciativa: Lía Cotón, Celia Pía, Xaime Cortizo, Carmen Torres, Javier Pardo, Millo, Xeracción XV e Activadora.

Compartir: