MOCIDADE

Compostela Aventureira achéganos unha carreira de 250 metros e 19 obstáculos para crianzas e adultos

14/12/2016 A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu conta esta mañá dunha das actividades que forman parte da programación de Nadal 2016 e que leva por nome Compostela Aventureira. Na rolda estivo acompañada de Marcos Gómez, de Just Enjoy Eventos, empresa encargada de coorganizar a actividade.

"Compostela Aventureira é un evento deportivo non competitivo de carácter inclusivo e familiar que pretende reunir a todas as persoas que o desexen ao redor do deporte", destacou a concelleira. A cita é os días 16, 17 e 18 de decembro, en catro quendas de mañá e tarde, no pavillón municipal do CEIP Lamas de Abade. Os nenos e nenas do centro escolar están convidados a participar da actividade o propio venres, tal e como avanzou Noa Morales.

O percorrido previsto é de 250 metros e 19 obstáculos: pirámides de madeira e de palla, valos investidos, valos altos e baixos, rodas, teas de araña, equilibrios, carrexos… A participación está aberta a todos os maiores de 3 anos, nenos e nenas, mozos e mozas ou maiores que así o desexen de forma individual ou en familia. A diferenza doutros eventos de características semellantes, a pista de obstáculos Hardest Race de Compostela Aventureira dálle a oportunidade de participar a pais/nais e fillos/as de maneira conxunta.

A entrada é de balde, pero por motivos de seguridade e control de aforo permítese un máximo de 200 persoas por quenda. Dese xeito haberá que inscribirse previamente en www.hardestrace.es. Xusto antes da entrada ao pavillón, as persoas inscritas deberán entregar un formulario de descarga de responsabilidade e autorización paternal. Os nenos e nenas maiores de 15 anos poderán inscribirse e participar sen a compaña dunha persoa adulta sempre e cando entreguen o formulario debidamente cumprimentado e asinado polo seu titor. Todos os nenos e nenas menores de 15 anos deben inscribirse acompañados por unha persoa adulta que será a responsable do menor (pai, nai ou titor e titora).

A diversión en Compostela Aventureira está garantida con música de ambiente, maquillaxe para pintar a cara e un agasallo de recordo para as persoas participantes limitado a 800 unidades.

Direccións relacionadas



Compartir: