CONVIVENCIA

A Policía Local colabora coa campaña de control de alcoholemia e drogas da DXT

13/12/2016 A Policía Local de Compostela está colaborando coa Dirección Xeral de Tráfico na campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas que se está a desenvolver en todo o Estado ata o próximo día 18 de decembro.

A DXT lembra que o alcohol está presente nun terzo dos accidentes mortais, ben sexa como factor determinante ou concorrente. A presenza desta substancia multiplica por entre dous e quince o risco de sufrir un sinistro, e fai que estes accidentes sexan máis graves. As campañas de control que se veñen levando a cabo está motivando un cambio de comportamento da cidadanía, que fixo que a porcentaxe de positivos detectados descendera nos últimos dez anos, pasando do 5,1% ao 1,6%. En todo caso, o obxectivo da DXT é reducir aínda máis esa porcentaxe.

O ano pasado, na campaña de control de alcoholemia e drogas, a Policía Local practicou 5.323 probas, co resultado de 94 denuncias de carácter administrativo, 22 infraccións penais e 9 denuncias administrativas por conducir baixo os efectos das drogas. En caso de accidentes, realizáronse 74 probas, das que 33 foron positivas, e foi preciso tramitar un atestado por condución baixo a influencia das drogas.

Conducir cunha taxa de alcol de 0,25 a 0,50 mg/l supón unha multa de 500 euros e a perda de catro puntos do carné de conducir. Se a taxa se sitúa entre 0,50 e 0,60 mg/l, a sanción económica elévase a mil euros, e pérdense seis puntos do carné. Tamén se podería considerar unha infracción penal, se se considera que o consumo lle ten afectado á condución.

A Policía Local lembra que o exercicio da condución se ten que realizar sempre nas mellores condicións para evitar situacións de risco. Por iso, a única taxa segura é 0,0%. O Corpo pídelle aos condutores que sexan prudentes ao volante, e que impidan que outras persoas que beberan collan o coche. O alcohol non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, porque é un factor relacionado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Compartir: