NADAL 2016

O Concello traballa na organización da Cabalgata de Reis máis participativa

13/12/2016 O concelleiro Xan Duro presentou hoxe un avance da Cabalgata de Reis deste Nadal, que volverá apostar pola participación activa da cidadanía. O desfile levará por lema "A ruta dos desexos", e nel poderanse ver distintos motivos que representarán a alegría, o amor, a ilusión ou a maxia. Os combos artísticos foron deseñados, na súa meirande parte, en exclusividade para esta cabalgata, na que participarán tanto grupos profesionais como persoas voluntarias.

Xan Duro explicou que o obxectivo do Concello é "buscar a implicación de toda a cidadanía nun dos eventos máis importantes da festa do Nadal, e lograr que maiores e crianzas se impliquen tanto na súa preparación previa como na súa posta en escena". O concelleiro recordou que "na pasada cabalgata tivo boa acollida este modelo aberto e participativo, e este ano volveremos apostar porque o desfile non sexa para mirar senón tamén para participar nel". Para iso, organizaranse diversas actividades que se van desenvolver nos centros socioculturais, e que terán o seu cume na propia cabalgata.

As persoas interesadas poderán inscribirse tanto para participar activamente nos combos artísticos como para viaxar nos trens. Para facelo só é preciso chamar ao teléfono do Teatro Principal, 981 542 347, en horario de 8:30 h a 15:00 h antes do luns 26 de decembro. Os interesados deberán deixar os seus datos (nome e idade das participantes, número e e-mail de contacto). Posteriormente, a organización porase en contacto con eles para concretarlle a información relativa á súa participación, ata chegar a un número máximo de 200 persoas.

Do mesmo xeito tamén se poderán inscribir os interesados en participar no sorteo dos 12 paxes que acompañarán aos Reis durante o percorrido. Neste caso, é preciso ter unha idade comprendida entre os 12 e 16 anos.

A ruta dos desexos
"A ruta dos desexos" é o lema da Cabalgata de Reis 2017. Así, a comitiva deste ano viaxará dende Oriente cargada de desexos que irá repartindo no seu paso pola cidade. A alegría, o amor, a ilusión, o coñecemento ou maxia serán algúns dos motivos sobre os que xirarán os deseños dos combos que acompañarán aos Reis Magos.

O desfile estará formado por sete carrozas: as tres dos Reis Magos, a do Carteiro Real e tres de temática infantil: unha centrada na natureza, outra na danza e outra dedicada á película Aladín.

Nesta ocasión, a comitiva real será recibida na praza do Obradoiro cun espectáculo de circo aéreo e audiovisual. Así celebraremos a chegada dos Reis Magos, que virán a Compostela co propósito de repartir entre toda a cidadanía os mellores desexos para o novo ano. Posteriormente, e como se vén acostumando, os Reis Magos recibirán no Pazo de Raxoi a todas as nenas e nenos que desexen coñecelos persoalmente.

Compartir: