ALCALDÍA

Santiago e A Coruña suman forzas para darlle un novo pulo ao Camiño Inglés

13/12/2016 Os alcaldes de Santiago e da Coruña reivindicaron hoxe a importancia do Camiño Inglés, e reiteraron a súa aposta por poñer en valor esta ruta xacobea. Fixérono cunha visita á Catedral, na que Martiño Noriega e Xulio Ferreiro estiveron acompañados polo deán, Segundo Pérez, e polo director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Os dous rexedores lembraron que "o Camiño Inglés é unha vía de peregrinación histórica, que nos últimos anos non tivo o peso que se merece".

Os alcaldes de Santiago e da Coruña explicaron que teñen solicitado ao Cabido que os peregrinos que realizan o Camiño Inglés dende a cidade herculina poidan obter a "Compostela" aínda que non camiñen os 100 quilómetros esixidos, tendo en conta a historia desta ruta, "anterior mesmo ás normas para a consecución da Compostela", tal e como destacou o deán.

Segundo Pérez sinalou que "o tema dos 100 quilómetros non conseguín atopalo nas actas do Cabido, pero a peregrinación dende o porto da Coruña é anterior a ese requisito". Por iso, mostrou boa disposición ao respecto desta proposta que, salientou, "chega avalada por un estudo serio sobre a relevancia histórica do Camiño Inglés dende a Coruña realizado polo Concello herculino, que tamén está traballando para potenciar os seus lugares xacobeos". En todo caso, o deán lembrou que a decisión correspóndelle ao Cabido, que se reunirá o próximo día 21. Ademais, indicou que, aínda que non hai antecedentes ao respecto deste tipo de excepcións, "si hai outra petición similar dende Muros".

Despois do encontro cos medios de comunicación, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro fixeron unha visita privada á Catedral, na que puideron comprobar como marchan os traballos de restauración do Pórtico da Gloria.

Compartir: