CONSORCIO

A RFG retransmitirá o concerto deste venres en directo por internet, con Antoni Ros Marbà á batuta

15/12/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra este venres o seu concerto semanal de abono no Auditorio de Galicia. A cita comezará ás 20:30 horas. O concerto retransmitirase en directo por streaming a través da web da orquestra (www.rfgalicia.org) e das redes sociais. A batuta levaraa o mestre catalán Antoni Ros Marbà, quen fora director titular da RFG durante 14 anos.

O concerto arrancarán co Concerto para piano nº 1 do compositor romántico alemán Johannes Brahms (1833-1897), que será interpretado ao piano polo prestixioso pianista mexicano Jorge Federico Osorio. É un dos máis eminentes pianistas do noso tempo, aclamado internacionalmente pola súa mestría e dominio absoluto do instrumento. Ademais de presentarse coas principais orquestras do seu país, tocou con agrupacións de toda Europa, Latinoamérica, Estados Unidos, Israel e China; e baixo a batuta dos mellores directores. Posúe unha ampla discografía, moi encomiada pola crítica. En 2012 recibiu a Medalla Belas Artes ao mérito artístico do Instituto Nacional de Belas Artes de México. Durante 2015 celebrou os seus 50 anos de carreira artística e foi investido Doctor Honoris Causa en Belas Artes pola Universidade Veracruzana.

O concerto concluirá coa Sinfonía nº 2 de Brahms. Composta nuns poucos meses, representa unha grande obra mestra.

Ros Marbà
Nacido en L’Hospitalet de Llobregat, Antoni Ros Marbà realizou os seus estudos de dirección de orquestra no Conservatorio Superior de Música de Barcelona con Eduard Toldrà. Posteriormente perfeccionouse en Italia e Alemaña, onde obtivo o Primeiro Premio de Fin de Curso. En 1966, ano de fundación da Orquesta Sinfónica de RTVE, conseguiu por oposición a primeira praza de director titular. En 1967 foi nomeado director titular da Orquesta Ciutat de Barcelona e, en 1978, director musical da Orquesta Nacional de España. Pouco despois foi designado principal director musical da Orquestra de Cámara Holandesa, da que tamén foi director titular.

Convidado por Herbert von Karajan en 1978, debutou coa Filharmónica de Berlín, orquestra que dirixiu en diversas ocasións. No campo sinfónico cultivou notables éxitos á fronte das orquestras máis importantes de Francia, Inglaterra, Suíza, Italia, Alemaña, Escandinavia e nos principais centros musicais de América e Xapón. Coa Orquestra de Cámara Holandesa visitou China nas primeiras incursións do país asiático na música occidental. No ámbito operístico dirixiu con grande éxito a maior parte dos títulos máis emblemáticos, con preferencias cara ao repertorio de Mozart, Strauss e Britten. Coa Real Filharmonía de Galicia gravou en 2009 dous discos monográficos dedicados a Federico Mompou e Manuel de Falla.

Entre os recoñecementos que o mestre recibiu destacan o Premio Nacional de Música (1989), a Creu de Sant Jordi (1988), o Premio Internacional do Disco Arthur Honegger pola gravación das Sete Palabras de Cristo de Haydn (1966), o Barclays Theatre Award á mellor produción operística no Reino Unido de 1997 e a Medalla de Ouro do Gran Teatre do Liceu de Barcelona (2012).

Na actualidade, Ros Marbà é profesor e director titular da Cátedra de Orquesta de Cámara Freixenet da Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid.

Compartir: