ACCIÓN CULTURAL

Chévere presenta "Eroski Paraíso" no Teatro Principal

07/12/2016 O Grupo Chévere presenta Eroski Paraíso, a súa primeira produción tras recibir o Premio Nacional de Teatro, esta semana no Teatro Principal. Serán catro funcións, de xoves a domingo, todas ás 20:30 horas.

Eroski Paraíso é a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro. Trátase dun proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se esborralla. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de marketing que se usan para influír nas decisións de compra dos consumidores.

Como outras pezas da compañía, Eroski Paraíso é o resultado dun proceso de procura de varios meses que logo se concreta no local de ensaio. Nesta ocasión fíxose un traballo de documentación previo sobre a sala de festas Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990. Alí coñecéronse Eva Martínez e Antonio Formoso en 1989, como tantas outras parellas da zona. Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Como tantas outras familias emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles. Vinte e cinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. Eroski Paraíso é o título que lle puxo á súa película. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.

O desarraigo
Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, como se tivese estado parada exactamente no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu arredor. Unha maneira coma calquera outra de retratar o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria.

Exploración da memoria colectiva
O teatro é un rexistro cultural de primeira magnitude para documentar a realidade máis próxima e situarnos como pobo nun mundo globalizado. O proceso de traballo de Eroski Paraíso comezou explorando a memoria colectiva e a afectividade dunha pequena comunidade a partir das historias reais recollidas sobre unha sala de festas que se transformou nun supermercado. A sala de festas chamábase Paraíso e no seu lugar agora hai un supermercado Eroski.

Cinema documental
Eroski Paraíso é tamén unha reflexión sobre a posibilidade de documentar a realidade, sobre a distancia entre a ficción e a realidade, entre o que significa ser un mesmo e actuar como un mesmo. Por iso planeamos a obra como se fose unha película documental, superpoñendo no escenario a mirada cinematográfica e a teatral, reutilizando a linguaxe do cinema e os recursos do documental creativo para facer unha obra especificamente teatral.

Entradas
As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal dende as 18:00 horas, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Teñen un prezo de 12 euros, 6 para os colectivos habituais de aplicación de descontos: desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais.

Compartir: