MOCIDADE

O grupo compostelán Ivy Moon representará a España no Imagine Festival de Zagreb (Croacia)

07/12/2016 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, e os integrantes de Ivy Moon (Elba, Pablo, Inés e Alberto) anunciaron esta mañá que o grupo compostelán representará a España no Imagine Festival de Croacia o 11 de decembro.

Noa Morales destacou que para o Concello "é unha honra ver como un grupo local de recente creación é quen de ir abríndose un oco no difícil mundo da música". O grupo Ivy Moon é un nome xa coñecido no panorama musical compostelán, xa que actuaron nas Festas do Apóstolo deste 2016 dentro dunha das actividades resultado do piloto de orzamentos participativos de mocidade do 2015 e foron un dos dous grupos que inauguraron o Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga hai aproximadamente un mes.

O grupo actuará na capital croata, en Zagreb, o vindeiro 11 de setembro xunto a outras 7 bandas do mundo. O gañador terá como premio unha xira por toda Europa.

Grupo con dous anos de vida
Os Ivy Moon naceron en Compostela en 2014 co Rock alternativo e a Psicodelia como base da súa música. Nese mesmo ano xa debutaron nun festival de renome como o Brincadeira Festival, celebrado en Compostela. Alí presentaron o seu primeiro EP, que foi o seu traballo de presentación. Grazas ao pulo do festival comezaron unha xira por numerosas vilas galegas.

En 2015 presentaron o seu segundo EP, chamado Prelude, un traballo que segundo o grupo amosa un novo inicio para estes mozos e mozas que se pode observar na evolución que sofre tamén a súa música. É a partir de entón cando dan un salto e inician unha xira de concertos coa que percorren Galicia ou Madrid e que continúa neste 2016 en cidades como Barcelona ou Granada.

Ademais, a traxectoria dos Ivy Moon non se queda aquí senón que foi premiada en numerosas ocasións. En 2015 lograron ser finalistas do EISV Music de Vigo e estiveron entre os finalistas do concurso BDcode organizado polo DCode Festival de Madrid. Chearon tamén á final do Queixo Maquetón organizado polo Festival do Queixo de Arzúa.

Compartir: