XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a Oferta de Emprego do Concello para 2016

02/12/2016 A Xunta de Goberno ratificou hoxe a proposta da concelleira delegada de Economía e Facenda relativa á aprobación da Oferta de Emprego de 2016, a primeira que se aproba dende ao ano 2008. Entre a relación de postos de traballo que se van convocar, e que xa foi previamente aprobada polo Pleno da Corporación, figuran 17 prazas de quenda libre e 29 de promoción interna.

Dentro das prazas de quenda libre haberá 14 para persoal funcionario: un técnico/a de xestión, seis administrativo/as, catro bombeiros/as-condutor/a, dous policías locais e un arquitecto superior. Tamén se ofertan tres prazas de quenda libre para persoal laboral: un auxiliar de clínica, un psicólogo/a e un educador/a familiar. En canto ás prazas de promoción interna, na oferta figuran 20 prazas para persoal funcionario: dez administrativo/as, cinco músicos solistas, un conserxe, tres sarxentos de extinción de incendios, un cabo de extinción de incendios, e un oficial da Policía Local. A Oferta de Emprego complétase con oito prazas de promoción interna para persoal laboral: catro de coordinador de Centros Socioculturais, tres de músicos e unha de conserxe.

Ademais, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse inicialmente a modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello, no que ten que ver cos Departamento de Centros Socioculturais, coa Asesoría Xurídica e cun caso concreto da sección de Circulación Viaria.

Estadio de San Lázaro
Na reunión desta mañá tamén se deu conta dunha resolución da Alcaldía para a modificación da concesión administrativa de uso dun local do estadio de San Lázaro a favor da Federación Galega de Fútbol. O alcalde explicou que "o acordo pasa por substituír o termo canon polo de transferencia na cláusula do acordo na que se sinalaba que a Federación lle aportaría 763.000 euros ao Concello para sufragar as obras de reparación das instalacións". O obxectivo é facilitar que o Concello dispoña desa cantidade para poder contratar as obras de reparación.

O acordo asinado no pasado mes de xullo establece que a Federación Galega de Fútbol ocupará o Local C do Estadio de San Lázaro, un espazo de 1.500 metros cadrados, grazas a unha concesión demanial por parte do Concello por un prazo de 50 anos. A cambio, a Federación aboaralle ao Concello un pago anual de 3.750 euros, e asumirá os custos da reparación do conxunto do Estadio, estimado neses 763.000 euros.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe solicitar ante a Consellería de Educación a desafectación da antiga Escola Unitaria de San Marcos, co obxectivo de poder cederlle o seu uso á Asociación de Persoas Xordas de Santiago, que na actualidade xa desenvolve alí parte da súa actividade. Ademais, o Executivo local adxudicou á empresa BIC Materiales o contrato de control arqueolóxico e traballos de limpeza e roza de vexetación no Castelo da Rocha Forte, por un importe de 15.800 euros. Por último, aprobouse a suspensión temporal das obras de humanización da rúa Montero Ríos, para non interferir na campaña de Nadal.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: