ALCALDÍA

O alcalde recibe o presidente de Uruguai, Tabaré Vázquez

29/11/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez, recibiu o presidente da República Oriental de Uruguai, Tabaré Vázquez, no Pazo de Raxoi.

O máximo mandatario uruguaio asinou no Libro de Honra do Concello en presenza de autoridades do país americano e de membros da Corporación compostelá. Posteriormente o rexedor colocoulle a insignia da cidade.

O alcalde de Santiago fixo referencia aos "lazos e á irmandade que unen a ambos pobos" e lembrou a traxectoria política de Tabaré Vázquez, "quen foi presidente en 2005 e 2010 e intendente de Montevideo".

Pola súa banda o Tabaré Vázquez quixo agradecer a atención e a insignia recibida, ao tempo que lembrou a súa etapa como intendente da capital do seu país, "unha cuestión pola que envexo a Martiño Noriega, posto que para médicos coma nós é moi importante estar preto das persoas". Finalmente, ambos líderes mantiveron un breve encontro privado no despacho de Alcaldía, onde se intercambiaron agasallos.

Previamente, o alcalde acompañara o presidente uruguaio á praza da República Oriental de Uruguai, en Fontiñas, onde se realizou unha ofrenda floral no busto de José Gervasio Artigas. O acto estaba organizado polo Consulado Xeral de Uruguai en Galicia.

Compartir: