FACENDA

O Pleno debaterá unha modificación de crédito para pagar sentenzas de mandatos anteriores

29/11/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, comunicou hoxe que mañá mércores haberá un Pleno extraordinario e urxente no que se debaterá un expediente de modificación de crédito para o pago de sentenzas de mandatos anteriores.

María Rozas explicou que "temos calculado que o importe total das sentenzas ascende a aproximadamente 3,5 millóns de euros". "Durante o ano –engadiu- fixemos fronte a unha boa parte das mesmas mediante un axuste do orzamento, pero hai outra parte que para pagalas é preciso levalas a pleno e dotalas de crédito". En concreto, o Pleno debaterá un expediente de modificación de crédito por valor de 949.453,46 euros para o pagamento de tres sentenzas concretas.

O primeiro fallo é o 394/2015 do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Santiago, recaída a favor da UTE Autobuses Urbanos de Lugo y TRAP S.A., por unha contía de 135.589,50 euros, en relación á liquidación do transporte urbano do ano 2008. Á hora de calcular a liquidación, o Concello tivo en conta o prezo medio do combustible fixado polo Ministerio de Industria, pero non as facturas presentadas pola empresa. "As sentenzas veñen dicir que hai que ter en conta esas facturas de acordo cos pregos e as cláusulas do contrato asinado", indicou a concelleira.

A segunda sentenza, por un valor de 112.381 euros, está relacionada cunhas facturas do contrato de asesoría xurídica do Concello que quedaron sen pagar do anterior mandato. María Rozas explicou que "o anterior Goberno recorreu en 2014 a asistencias xurídicas que deixaron sen pagar. A sentenza actual obríganos a abonalas xunto cos intereses de demora".

A responsable de Facenda lembrou a importancia da municipalización da asesoría xurídica, posto que, "se ben é certo que o contrato actual de asesoría xurídica custa 102.000 euros ao ano, dende 2010 estase recorrendo a asistencias a maiores que custan máis de 250.000 euros anuais".

En terceiro lugar, destinaranse 693.571,27 euros para a sentenza do parque comarcal de bombeiros. En total, o Concello debe pagar por esta resolución 1.018.000 euros, dos cales unha parte xa se abonou dispoñendo doutro crédito. O modificativo que se propón para o Pleno de mañá, dixo, "permitiranos pagar a parte principal desta sentenza, para que deixen de correr os intereses, que probablemente alcancen medio millón de euros".

Transferencia ao Auditorio
Ademais, farase unha achega complementaria ao Auditorio de Galicia por importe de 124.146,62 euros, resultado do feito de que o Auditorio vira reducidas as subvencións que viña de recibir habitualmente todos os anos. "Por decisión política", avanzou María Rozas, "decidimos non reducir a actividade do Auditorio de Galicia porque entendemos a cultura como un ben de especial protección e relevancia para a nosa cidade".

Amortización de débeda
A concelleira tamén indicou que se realizará unha amortización anticipada de débeda por importe de 1.209.502,94 euros. Con isto, explicou, "poderemos continuar saneando máis as contas, e reducir no que levamos de goberno case unha cuarta parte da débeda que nos atopamos a nosa entrada".

Compartir: