LINGUA

O concurso Yotubeir@s, quere encher a Rede de vídeos en galego

29/11/2016 O concelleiro Jorge Duarte sumouse a representantes doutros dez concellos e das tres universidades galegas na presentación do concurso de vídeo Youtubeir@s, que nace co obxectivo de potenciar a presenza do galego na Rede. O certame atende ás novas tendencias sociais na comunicación actual e, sobre todo, ao papel activo dos e das youtubers.

Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

Youtubeir@s - Concurso de vídeos na rede vai dar comezo o vindeiro 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril de 2017. Segundo se recolle nas bases -dispoñibles na web do concurso (www.youtubeiras.gal)- poderán presentarse todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña. Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube.

Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (dende unha receita ata a como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade...).

Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de 1.000 euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de 500 euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

Obradoiros formativos
O programa Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se desenvolverán de maneira parella ao concurso, estarán impartidas pola produtora audiovisual Illa Bufarda. Con elas, o que se busca é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: