TURISMO

Compostela promociónase como destino de congresos na IBTM World

28/11/2016 Turismo de Santiago, a través do seu servizo para a promoción da cidade como destino de congresos, xornadas e incentivos, o Santiago de Compostela Convention Bureau, participa na IBTM World, a feira máis importante do sector congresual no mercado español, que se celebra en Barcelona entre o 29 de novembro e o 1 de decembro.

Na IBTM World danse cita os compradores e provedores máis importantes do sector, tanto a nivel doméstico como internacional, durante tres días de citas profesionais, networking e obradoiros formativos.

Cada ano, a feira reúne unha comunidade global de máis de 3.000 provedores e máis de 10.000 organizadores profesionais que teñen oportunidade de coñecerse e establecer relacións comerciais a través dun sistema de citas individuais concertadas previamente.

O Santiago de Compostela Conventon Bureau manterá citas con axencias e touroperadores internacionais especializados en viaxes de incentivos e teambuilding, tanto españois como internacionais.

Na selección de reunións primouse aos profesionais de orixe alemán para presentarlles as novas posibilidades que se abren para Santiago grazas a converterse nun novo destino de Lufthansa, con conexións directas a Frankfurt e Munich. Pero tamén haberá reunións con norteamericanos, italianos e británicos, entre outros.

Compartir: