PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio aproba para 2017 un orzamento de case un millón de euros

26/11/2016 A primeira tenente de alcalde, María Rozas, asistiu en Cáceres á Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que aprobou o orzamento da entidade para o ano 2017, que ascende a 990.000 euros. Outra das decisións tomadas hoxe foi que Santiago acollerá en 2017 unhas Xornadas sobre Xestión do Patrimonio do Grupo.

Os representantes das 15 cidades pertencentes ao Grupo tamén acordaron elevar á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) as conclusións dun estudo realizado por expertos en facendas locais, para solicitarle ao Goberno central algunhas vantaxes fiscais que compensen, aínda que sexa parcialmente, os gastos extra que supón a conservación e mantemento dos cascos históricos das cidades Patrimonio da Humanidade. A presidenta do Grupo e alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado, explicou que "esas medidas fiscais poderían compensar a perda doutros ingresos coma os derivados do IBI, posto que moitos edificios históricos están exentos de pagar ese tributo". O obxectivo das Cidades Patrimonio é que "o Ministerio de Facenda teña en conta as particularidades destas urbes á hora de abordar o próximo modelo de financiación autonómica e local".

Plan Operativo de Turismo 2017
A Asemblea Xeral de Alcaldes do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade aprobou tamén o Plan Operativo de Turismo para o ano 2017, que seguirá tendo como eixo a promoción e difusión exterior. O mercado centro europeo será unha das prioridades. O Plan Operativo de Turismo terá que ser ratificado na Asemblea do Grupo que se celebrará o 20 de xaneiro en Madrid, no marco de FITUR. As 15 cidades Patrimonio da Humanidade volverán estar presentes na feira turística máis importante do Estado, e manterán convenios xa existentes con entidades como Iberia, Renfe, Paradores ou Turespaña. Tamén terá continuidade o acordo con RTVE para a elaboración de documentais de todas as cidades do grupo en formato de ultradefinición.

En materia de promoción turística, a asemblea de alcaldes acordou firmar un convenio con Miami para a difusión na cidade norteamericana. O obxectivo será que a imaxe das 15 cidades Patrimonio estea presente nas traseiras dos autobuses de Miami, onde vive unha importante colonia de hispanos.

Os Labirintos Líricos chegarán a Santiago en maio
Xa no ámbito cultural, o Grupo de Cidades Patrimonio acordou continuar con actividades coma os Labirintos Líricos, do grupo artístico BoaMistura. Este proxecto estará en Santiago do 15 ao 21 de maio. Trátase dunha proposta que busca mostrar a esencia e a identidade de cada unha das cidades Patrimonio da Humanidade a través da poesía, a arte e a cultura. Para iso, construiranse 15 prismas triangulares, un por cidade, nos que se escribirán unha frase, un verso, unha cita dun autor ou autora local, coa técnica do anaformismo, que se poderán ler só dende determinados puntos, creando labirintos e paisaxes distintas en cada cidade. Estas pezas colocaranse no espazo público e xuntas formarán un novo poema que falará sobre o presente e o pasado das cidades Patrimonio da Humanidade.

Doutra banda, na Asemblea de Cáceres tamén se acordou que Compostela acolla en 2017 as Xornadas de Xestión de Patrimonio do Grupo. Ademais, na Comisión de Patrimonio falouse da nova guía arqueolóxica das 15 cidades, que se vai presentar no mes de decembro, e dunha campaña común de concienciación sobre conservación do patrimonio, editada tamén en galego.

Rogo sobre a guerra de Siria
O alcalde de Tarragona, Josep Félix Ballesteros, aproveitou a Asemblea Xeral de alcaldes para presentar un rogo relacionado coa guerra de Siria. A súa proposta pasa porque o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade incida na traxedia patrimonial que supón o conflito, e que se sume ao drama humano que sofren as vítimas da guerra, nomeadamente os refuxiados. Aínda que non se adoptou ningunha decisión firme ao respecto, o rogo quedou sobre a mesa para próximos encontros do Grupo.

Compartir: