EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Máis de 500 escolares participaron na primeira edición do Cineuropa Infantil

25/11/2016 Escolares dos CEIPs Raíña Fabiola, López Ferreiro, Monte dos Postes, Lamas de Abade, Quiroga Palacios, Ramón Cabanillas e Pío XII, e dos colexios Santa Apolonia e Nosa Sra. dos Remedios participaron na primeira edición de Cineuropa Infantil, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía no marco da 30ª edición do festival Cineuropa.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, dirixiulle unhas palabras de benvida aos/ás escolares asistentes, agradeceulle ao profesorado a súa inmediata resposta a esta convocatoria e confirmou que na edición do ano que vén se contará cunha programación específica de filmes en Cineuropa, coa convocatoria dun premio diferenciado arredor dos valores da convivencia, da solidariedade e da paz, cunha estatuiña xa encargada a Cerámicas de Sargadelos.

O alumnado dos colexios da cidade tivo a oportunidade de achegarse ao mundo audiovisual con outra mirada, para aprender os códigos da linguaxe específica do cinema e contribuír, así, a unha mellor educación para a convivencia, dende a perspectiva de que o cinema é un extraordinario recurso educativo, particularmente, en relación cos valores cívicos e democráticos contemplados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

O film elixido para esta primeira edición foi [em[Ma vie de courgette, marabillosa primeira película do director Claude Barras, que recibiu importantes galardóns en festivais de cine de todo o mundo, como os premios dos festivais de Annecy e San Sebastián, e foi nominada aos Premios do Cine Europeo (mellor filme de animación). Este director, a través das curtametraxes xa filmadas ten o raro don de ser quen de facer chorar e rir ao mesmo tempo, conseguindo que as súas historias estean cheas de realismo e fantasía, humor e poesía.

A película céntrase nun neno de dez anos, alcumado "Courgette" (cabaciña), enviado a un orfanato logo da morte da súa nai. A historia describe como superará as dificultades e se irá integrando neste novo ambiente no medio dun pequeno grupo de nenos e de nenas maltratados como el pola vida .

Na edición de Cineuropa do ano 2017 serán máis as películas seleccionadas para distintas idades, de tal maneira que poderán achegarse alumnos e alumnas doutros niveis educativos.

Compartir: