ACCIÓN CULTURAL

"Xan Soldado", de Carlos Alba "Cellero", este domingo na Sala Agustín Magán

25/11/2016 Este domingo poderemos ver na Sala Agustín Magán (CSC de Santa Marta) o espectáculo Xan Soldado en versión e interpretación de Carlos Alba "Cellero". Será a partir das 12:30 horas, cunha duración de 50 minutos, e está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos.

O conto Xan Soldado é unha versión un tanto particular de Xan sen medo, unha das narracións máis estendidas no ámbito cultural europeo e latinoamericano. A adaptación mantén a riqueza lingüística de Juan soldado, de Fernán Caballero. Un conto máxico con teatro de marionetas e obxectos.

Xan Soldado consigue pasar a Porta da Boa Vida grazas ao seu inseparable Morral Máxico. Venceu ao Diaño Cabra Maior, ao Asombro e ao seu propio medo. Pero o que atopa tras a Porta non é o que esperaba.

As entradas poden mercarse xa na web entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal, e tamén o propio domingo dende unha hora antes do comezo, na propia Sala Agustín Magán. O prezo é de 5 euros a entrada solta, existindo unha entrada familiar mediante a cal se poden mercar 4 xuntas ao prezo de 3, é dicir, por 15 euros.

Compartir: