MEDIO AMBIENTE

A Tropa Verde recibe o recoñecemento da Asociación de Empresas Medioambientais de Galicia

25/11/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, recolleu onte un dos premios APROEMA Medio Ambiente 2016, concedido á iniciativa Tropa Verde. Foi nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos, ao que asistiron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o segundo tenente de alcalde de Santiago, Jorge Duarte.

A Asociación de Empresas Medioambientais de Galicia convoca os seus premios co obxectivo de destacar accións individuais e/ou colectivas, tanto públicas como privadas, a favor do medio ambiente.

Tropa Verde é un proxecto tecnolóxico e innovador desenvolvido por Teimas Desenvolvemento, que premia a conciencia ecolóxica da veciñanza. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que fan accións responsables medioambientalmente, como depositar residuos nos lugares acaídos, ou asistir a eventos de sustentabilidade. Eses puntos pódense trocar por distintos agasallos e premios que entrega nos locais patrocinadores.

Na plataforma están rexistrados máis de 2.000 cidadáns, e conseguiuse a patrocinio de 115 establecementos do comercio e da hostalería compostelá. Outros datos que falan do éxito do programa son que, en menos dun ano, repartíronse 4.700 cheques e ofertáronse 1.500 recompensas por un valor de 12.000 euros.

Direccións relacionadas



Compartir: