ACCIÓN CULTURAL

Zoar presenta tres programas de venres a domingo dentro das Xornadas de Música Contemporánea

24/11/2016 O conxunto de cámara Zoar presenta esta fin de semana tres programas diferentes dentro das Xornadas de Música Contemporánea. Mañá venres, ás 20:30 horas, teremos SH4K3SP34R3; sábado, tamén ás 20:30 horas, escoitaremos C3RV4NT3S; e domingo, neste caso ás 12:00 horas, será Juego de ladrones. Todos os concertos serán no CGAC e con entrada libre ata completar aforo. A clausura das Xornadas terá lugar o vindeiro xoves, 1 de decembro, coa Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Jaime Martín, no Auditorio de Galicia.

Zoar é un conxunto de cámara estable e activo, con formación de quinteto de vento clásico. Dende 2009 actuaron nalgúns dos máis representativos escenarios galegos, como o Teatro Colón e Centro Ágora na Coruña, o Teatro Jofre de Ferrol ou a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, participando en acontecementos culturais de importancia como a entrega dos Premios da Cultura Galega, o LVI Festival da Ópera da Coruña, o Ciclo de Outono do Museo de Belas Artes da Coruña ou o Ciclo Músicas da Ilustración, en Ferrol. Ofrecen propostas orixinais, incorporando músicas actuais ou descoñecidas, colaborando con outros músicos e cantantes e interaccionando con outras disciplinas artísticas: Monicreques Cachirulo, Manuel Rivas, Monicreques de Kukas, Lytos, Alfonso Rivera, Xiana Vilas ou Ana Inés Jabares.

Unha das súas principais inquietudes é o apoio á nova creación, achegando así novidades ao repertorio tradicional e dinamizando a vida musical. Proba diso son as estreas que realizaron das obras de compositores como Gabriel Bussi, Xabier Mariño, Òscar Álvarez, Juan Durán, Paquito D´Rivera, Federico Mosquera ou Fernando Buide, así como de próximas como Óscar Navarro.

Complementan a súa actividade artística coa pedagóxica e son profesores convidados a encontros da Orquestra Clásica de Xove e da Jove Orquestra Nacional de Catalunya.

Cervantes e Shakespeare
Zoar presenta tres propostas programáticas ao redor de Miguel de Cervantes e William Shakespeare como inspiración literaria de expresión musical do século XX. Os concertos, complementarios e análogos, ofrecerán diferentes composicións para quinteto de vento e para algún dos instrumentos que integran a formación.

Ademais, atendendo ao patrimonio musical galego, recuperan tres obras: unha adaptación para quinteto do ballet Don Quijote de Jesús Bal y Gay, a obra Sueño de un atardecer de otoño de Manuel Balboa e un encargo de Zoar a Xabier Mariño: SOS. Tamén encargo do ensemble ao compositor alacantino Óscar Navarro é a proposta Juego de ladrones. A estrea da adaptación para quinteto de vento dalgúns interludios musicais da ópera D.Q. Don Quijote en Barcelona de José Luís Turina, encargada para a ocasión, completarán o programa.

Con espírito de interrelación da música e a literatura, nos concertos estarán representados diferentes modos de ler os textos dos dous escritores, ben a modo de recitado nas composicións ou como parte das creacións musicais como partes cantadas mesmo como fragmentos narrados entre cada unha das obras musicais.

Compartir: