ACCIÓN CULTURAL

Chema Prado recibe o Premio Cineuropa por unha vida de entrega ao cine

24/11/2016 Este venres é o día escollido para entregarlle o Premio Cineuropa a Chema Prado, quen fora director da Filmoteca Nacional, por unha vida entregada á preservación do cine. A programación desta xornada tame´n inclúe o tradicional maratón e unha sesión especial en apoio á campaña En negro contra a violencia, coa proxección de filmes que abordan a problemática da violencia machista.

Nado en Rábade, Lugo, en 1952, Chema Prado é historia viva da Filmoteca Nacional, entidade creada en 1953 da que foi director durante case 27 anos. A pesar da falta de apoio institucional, a Filmoteca converteuse en todo un referente a nivel internacional. Máis recoñecido fóra que dentro de España, Chema Prado recibiu o Fénix pola contribución á cultura cinematográfica de Iberoamérica, o nomeamento da Federación Internacional de Arquivos Fílmicos (FIAF) ou a Espiga de Ouro de Honor da pasada Seminci, entre outras distincións.

Esta noite, o festival recoñece o seu labor de catro décadas de entrega ao cinema e á súa preservación. Segundo José Luis Losa, "celebra ao resistente e abraza ao amigo incondicional de Cineuropa". Tras a entrega do Premio a Chema Prado, no Teatro Principal ás 19:45 horas, proxectarase Sangue del mio sangue, de Marco Bellocchio.

En negro contra a violencia
En compromiso coa campaña En negro contra a violencia, impulsada dende o Concello para loitar contra a lacra das violencias machistas, este venres 25 de novembro proxectarase unha sesión específica de películas que abordan esta problemática. En primeiro lugar, Las sinsombrero, ás 17:30 horas no Salón Teatro. O documental dirixido por Serrana Torres, Tània Balló e Manuel Jiménez reivindica as figuras de Concha Méndez e a nosa Maruja Mallo, mulleres felizmente libres desa Xeración do 27 da que practicamente coñeciamos só os nomes masculinos. A entrada ao documental, que leva en primeiro posto nas votacións do público dende o seu primeiro pase, será libre ata completar aforamento. De seguido, no mesmo Salón Teatro, comezará o último pase de Paula, do arxentino Eugenio Canevari, que trata o tema do aborto en Arxentina, país no que é ilegal.

As 20:30 horas, no Salón Teatro estrearase Rester vertical, o novo de Alain Guiraudie, autor de, entre outras, de El desconocido del lago. Guiraudie destrúe a estrutura narrativa clásica neste filme que José Luis Losa define como "un conto de fadas sobre a paternidade". Ao longo desta xornada tamén poderemos asistir aos últimos pases de La larga noche de Francisco Sanctis, de Francisco Márquez e Andrea Testa (ás 18:15 horas no Teatro Principal), e Malgré la nuit (A pesar da noite), de Philippe Grandrieux (ás 22:00 horas no Salón Teatro).

Por fin, este venres celebrarase outra das tradicións do festival: o maratón de Cineuropa. Programaranse oito películas, unha delas sorpresa, nunha noite de cine de seguro divertida.

Direccións relacionadas



Compartir: