MOCIDADE

O programa "Metamorfose" achegará á mocidade hábitos de uso responsable dos recursos naturais

24/11/2016 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, acompañada de Diego Vázquez, do colectivo Barriopía, e de Bea Miranda, de Feitoría Verde, presentou esta mañá o programa de actividades Metamorfose: Mudando Hábitos, unha das propostas máis votadas no marco do proceso de orzamentos participativos do 2015.

"Neste proxecto proponse a realización dunhas xornadas teórico-prácticas de
sensibilización e concienciación sobre o impacto do uso dos recursos no medio
natural, con propostas de cambio para reducilo en diversos eidos", tal e como apuntou a concelleira. Diego Vázquez destacou que "este programa Metamorfose xorde como resposta á plena crise de recursos naturais que vivimos para traballar dende o punto de vista do consumo responsable". Pola súa banda, Bea Miranda puntualizou que "o fío argumental pasa por abandonar o individualismo para optar por xestións comunitarias".

Agricultura, gandería ecolóxica e respecto animal, uso sostible dos solos, construcións sostibles, autoxestión doméstica responsable co medio, cooperativismo, cultura do procomún, permacultura e moda responsable serán as temáticas sobre as que se fundamentarán os diversos talleres, conferencias e documentais deste proxecto.

O obxectivo é fomentar hábitos de vida saudables con nós mesmos, pero sobre
todo co entorno. Dende o individuo para a poboación e finalmente para o medio. Por iso se levarán a cabo diversas actividades como o taller de deseño sobre respecto animal e consumo responsable, xornadas de agroecoloxía e permacultura ou xornadas dedicada á moda ética responsable co medio ou sobre o Procomún.

As actividades comezan esta fin de semana cun obradoiro na Unitaria de deseño de interiorismo con produtos reciclados. Posteriormente haberá un ciclo sobre respecto animal que se desenvolverá durante todo o mes de decembro e un taller de cociña vegana. As xornadas son abertas á participación ata completar aforo, mentres que os obradoiros da Unitaria requiren inscrición previa. A asistencia a certos cursos implica tamén unha breve inscrición no enderezo electrónico do colectivo Barriopía.

Compartir: