ALCALDÍA

O alcalde preside un pleno infantil con motivo do Día Universal do Neno

24/11/2016 Medio cento de escolares de dous centros públicos de Compostela, López Ferreiro e Monte dos Postes, participaron esta mañá dun pleno infantil celebrado no Concello con motivo do Día Internacional dos Dereitos do Neno.

O pleno estivo presidido polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e nel estiveron presentes os voceiros do resto de grupos políticos, Agustín Hernández, Paco Reyes e Rubén Cela. Tamén asistiu a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e o edil Gonzalo Muíños. Martiño Noriega explicoulle ao alumnado o funcionamento do pleno municipal e a disposición de cada grupo na sala.

Os rapaces e rapazas dos dous centros propuxeron as súas peticións e desexos para a humanidade, que pasaban pola erradicación das guerras, as enfermidades e as inxustizas. A celebración deste pleno infantil é a última actividade que realizan os nenos e nenas no marco dun traballo dentro da aula que leva por nome "Pasaporte á humanidade". Cos seus profesores e profesoras estiveron a traballar sobre a situación das persoas refuxiadas e os seus dereitos, centrándose especialmente na infancia.

Ao remate do pleno o alcalde púxose a disposición dos nenos e nenas para calquera pregunta que tivesen sobre o propio Concello.

Compartir: