DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O programa "Andar aos recados" promove o consumo responsable e dinamiza Conxo e Santa Marta

23/11/2016 A Concellaría de Desenvolvemento Local desenvolverá entre o 25 de novembro e o 24 de decembro na contorna dos barrios de Conxo e Santa Marta un programa de educación para o consumo e promoción comercial que, baixo o nome de Andar aos recados, acabe por "concienciar á cidadanía, especialmente ao alumnado escolar, sobre o consumo responsable, ao tempo que dinamice o tecido comercial de proximidade", tal e como explicou esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.

O programa de educación para o consumo tratará de concienciar sobre o consumo responsable nos centros educativos de Conxo e Santa Marta. Participan oito centros: Escola Infantil Municipal de Conxo, Garderías Mami, Trastes e Os Pequerrechos, e Colexios Divino Maestro e A Milagrosa. Marta Lois informou que "nestes seis centros desenvolveranse charlas e obradoiros sobre consumo responsable, informando a nenas e nenos da importancia do comercio de proximidade". Colaboran tamén, sen organizar obradoiros nos seus centros, Quiroga Palacios e Eduardo Pondal.

Campaña de fidelización
En paralelo, o programa de promoción comercial Andar aos recados busca afianzar o consumo responsable e o comercio de proximidade mediante o desenvolvemento dunha campaña de fidelización que sexa quen de fomentar o consumo da cidadanía residente dos barrios na súa contorna mediante a emisión e o buzoneo de 2.500 tarxetas de fidelización. Para promover o seu uso, o tecido comercial propón nun flyer unha porcentaxe de desconto de fidelización para as persoas portadoras da tarxeta. Así o explicaron a concelleira e Modesto Gómez, de Enxeño Galicia, empresa que deseñou a campaña.

Na actuación comercial participan con descontos 31 negocios: Bicicletas Oliveira, Sumián, Belleza Myriam García, Tapicería David Álvarez, Bichos, Fílmate, Laboratorio Dentallo, Composnet, Cerraxería Conxo, Puntada a Puntada, Tintorería Lavandería Lobato, Panadería M. Moure, Frutas León, MTM Ópticos, Farmacia Rosario Rodríguez, Perruquería Tendencias, Café Bar El Valle, Manu Motos, Centro Óptico MV, Cafetería La Manduka, Edutronic, EsqultureGym, Infinita Eventos, Bar Carpanta, Centro de Reproducción Zygos, A tenda de Loly, Restaurante O Ferro, Clínica Pegadas, Odontoloxía Diniz Lago, Ler Librarías e Froitería Santa Marta. A maiores, 10 máis colaboran: Perruquería Xurxo López, Farmacia Quinteiro Castro, Estanco Corrales, De Todo, Restaurante Barrigola, Gran Step, Bar Noya, Carpintería Paevilar, O Agro Galego e Globus3D.

Compostela Móvese
Este campaña é o cumio da actividade Aposta polo teu barrio do programa municipal de dinamización económica Compostela Móvese 2016. A actividade iniciouse cun conxunto de sesións de consultoría comercial para a avaliación mercadotécnica do barrio. En total recóllense máis de 40 accións de consultoría en 41 establecementos comerciais, ademais da participación de oito centros educativos, con 700 escolares, e da celebración de dez obradoiros de cociña, reciclaxe e roteiros saudables que se celebrarán a vindeira semana.

O programa Compostela Móvese recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principais fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, universidade, cultura e patrimonio e cumpra os criterios de sustentabilidade do territorio. A segunda edición de Compostela Móvese conta cun orzamento total de 253.000 euros.

O programa ten dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Por unha banda, hai unha liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello e, por outra parte, unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago e busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento económico, como esta campaña Conxo Consume, Consume Conxo.

Documentos relacionados



Compartir: