ACCIÓN CULTURAL

Varias agardadas estreas na programación deste martes en Cineuropa

21/11/2016 Cineuropa acolle este martes as estreas de Ma Loute, o novo de Bruno Dumont; Sangue del mio sangue, de Marco Bellocchio; e La larga noche de Francisco Sanctis, de Francisco Márquez e Andrea Testa.

O primeiro que chama a atención de Ma Loute, o novo de Bruno Dumont, é o seu elenco, formado por actores como Valeria Bruni-Tedeschi, Fabrice Luchini, Juliette Binoche ou unha magnífica Raph, que vén de gañar o premio á mellor actriz no Festival de Sevilla. Pero non é a única virtude deste filme, que poderemos ver no Teatro Principal ás 20:15 horas. Trátase dunha extravagante comedia ambientada a principios de século XX, sobre unha adiñeirada familia burguesa que chega á súa residencia de verán. O que se presentaba como un apracible descanso, devén nunha serie de desencontros con diversos personaxes e inquietude fronte a desaparición de turistas nas inmediacións. Fascinou en Cannes e no SEFF obtivo tamén o premio á mellor longametraxe.

Á mesma hora, no Salón Teatro, dará comezo La larga noche de Francisco Sanctis, a gran triunfadora no BAFICI. Dirixida por dous novos cineastas, Francisco Márquez e Andrea Testa, a película está ambientada no Bos Aires de 1977, durante a ditadura militar de Videla. Segundo José Luis Losa, director de Cineuropa, os directores "ganduxan un ambiente que ten moito de posta en escena do teatro do desasosego".

De seguido, ás 21:45 horas, poderemos asistir á proxección de Sangue del mio sangue, filme no que Marco Bellocchio formula temas como a intolerancia, a corrupción, a hipocrisía ou a represión a través de dúas arriscadas historias situadas en dous espazos temporais diferentes.

As primeiras horas da programación do festival no Salón Teatro dedicaranse exclusivamente a unha obrigada reivindicación, a da figura da actriz María Casares, da que este martes se cumpren vinte anos do seu falecemento. Coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebrarase unha sesión homenaxe en tres partes. En primeiro lugar, ás 16:00 horas, proxectarase a entrevista que Joaquín Soler Serrano lle fixo para o programa A Fondo, de TVE. De seguido, ás 17:15 horas, pasarase Le testament d'Orphée (O testamento de Orfeo), filme de Jean Cocteau protagonizado por Casares. Finalmente, ás 19:00 horas., ofrecerase unha mesa coloquio sobre a súa figura, na que participarán Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG; María Lopo, investigadora e biógrafa de María Casares; Sabela Hermida, actriz e investigadora da figura de María Casares; e José Luis Castro de Paz, profesor de USC e historiador do cine.

Ao longo da xornada, haberá unha nova oportunidade de asistir á proxección de Creepy, de Kiyoshi Kurosawa (ás 17:45 horas no Teatro Principal); e Nocturama, de Bertrand Bonello, o filme máis comentado en Cannes sen sequera exhibirse alí. A cita co último de Bonello será ás 22:30 horas no Teatro Principal.

Os filmes que se despiden este martes de Cineuropa son: Todo comenzó por el fin, de Luis Ospina (no Cinema Numax ás 20:15 horas); Los ausentes, de Luciana Piantanida (Numas ás 17:00 horas); e Tupamaros, de Rainer Hoffmann e Heidi Specogna, que se proxectará ás 16:00 horas no Teatro Principal.

Direccións relacionadas



Compartir: