ACCIÓN CULTURAL

Estrea en Cineuropa dos novos filmes de Ulrich Seidl e Bertrand Bonello

20/11/2016 Este luns chega a Cineuropa o último de Ulrich Seidl e Bertrand Bonello. Ademais, haberá un encontro co director Eugenio Canevari, que visita visita o festival para presentar Paula.

O novo do irreverente Ulrich Seidl, Safari, estrearase no Teatro Principal ás 19:00 horas. O cineasta austríaco fai algo tan aparentemente sinxelo como gravar xente que aproveita as súas vacacións para ir de caza. Non toma partido, non é necesario. Móstranse as motivacións dos cazadores para matar animais e o funcionamento do negocio cinexético nalgúns países africanos, que non deixa de ser un pequeno exemplo de neocolonialismo.

De seguido, no mesmo Principal, ás 20:45 horas, dará comezo Nocturama, a polémica película de Bertrand Bonello que non se atreveron a proxectar no Festival de Cannes. Trátase dun provocador achegamento ao terrorismo a través duns mozos que causan o pánico na noite parisina. Un filme que non deixa indiferente a ninguén.

Ás 19:00 horas, no Salón Teatro, haberá un novo encontro co cineasta arxentino Eugenio Canevari, que está estes días en Cineuropa para presentar Paula, a súa primeira longametraxe.

O Cinema Numax acollerá unha nova sesión de curtas do audiovisual galego que dará comezo ás 16:30 horas. De seguido, ás 18:00 horas, a cineasta portuguesa Salomé Lamas ofrecerá unha aula de cinema titulada Como eliminar o límite entre a ficción e os feitos? Esta actividade didáctica na que analizará o seu propio xeito de traballar precederá á estrea en Cineuropa de Eldorado XXI, un sorprendente documental etnográfico sobre a vida dunha comunidade instalada no lugar de maior altitude no mundo, nos Andes peruanos. A película comezará ás 20:15 horas.

E para quen goce dun bo thriller, cómpre non perderse Creepy, do xaponés Kiyoshi Kurosawa, unha inquietante historia de pasados sen pechar, misteriosas desaparicións e veciños estraños. A cita co novo de Kurosawa será ás 22:30 horas no Salón Teatro.

Esta xornada poderemos asistir aos últimos pases de Tupamaros, de Rainer Hoffmann e Heidi Specogna (ás 17:15 horas no Salón Teatro); Nasty baby, de Sebastián Silva (ás 23:00 horas no Teatro Principal); Il solengo, de Alessio Rigo de Righi e Matteo Zoppis (Cinema Numax ás 22:30 horas); e Personal shopper, de Olivier Assayas (Salón Teatro ás 20:45 horas).

Direccións relacionadas



Compartir: