PLENO

Santiago reclama para Galicia a titularidade da autoestrada AP-9

17/11/2016 O Pleno da Corporación aprobou hoxe unha declaración institucional na que reivindica para Galicia a titularidade e as competencias da AP-9, segundo o Proxecto de Lei Orgánica aprobado por unanimidade no Parlamento Galego, pero que o Congreso dos Deputados desbotou tramitar no pasado mes de outubro. O texto acordado polos catro grupos municipais insta ao Goberno central e ao Ministerio de Fomento a retirar esa desconformidade, e a todos os grupos políticos con representación nas Cortes Xerais a axilizar a tramitación e a aprobación do citado proxecto de lei.

A declaración institucional sinala que a AP-9 é unha autoestrada que "malia ao seu carácter vertebrador continúa a depender do Goberno Central, que mantén unhas peaxes desorbitadas que limitan o acceso a esta vía ás persoas con menos recursos, e lastran o desenvolvemento dos sectores económicos galegos". Ademais, o texto advirte do deterioro da infraestrutura "e do servizo deficiente que presta a concesionaria, coa complicidade do Goberno central".

Declaración institucional contra o feminicidio
A Corporación municipal tamén aprobou unha declaración institucional na que insta ao Parlamento galego a incluír no plan de traballo da "Comisión non permanente de estudo para a igualdade e os dereitos das mulleres" a persoas expertas no ámbito xurídico co obxecto de poder avaliar a inclusión do termo "feminicidio" na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Ao respecto, o texto considera fundamental a inclusión deste termo "como concepto estrutural que dá conta da violencia específica que sofren as mulleres só por seren mulleres", e reclama que este recoñecemento "pode servir de base para elaboración dun Estatuto de Vítima de Feminicidio".

Por último, a declaración institucional insta á Xunta de Galicia a continuar mellorando os servizos de atención psicolóxica, información e inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, e a garantir que o servizo de atención telefónica 016 estea operativo e con medios reais durante todos os días do ano, as 24 horas do día.

Outros acordos
No Pleno ordinario de novembro, a Corporación tamén se sumou á conmemoración do Día Internacional da SIDA, o 1 de decembro, cunha declaración institucional en concordancia coa Declaración de París. Nela, o Concello comprométese a traballar cara os obxectivos 90-90-90 relativos ao tratamento do VIH para o 2030.

Ademais, a Corporación deulle luz verde por unanimidade a unha proposición do PP sobre a regularización e posta a disposición das prazas municipais no aparcadoiro soterrado da praza Marcial Villamor, lindeira coa rúa do Olvido. Ao respecto, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Moblidade, Jorge Duarte, explicou que xa se está traballando para que estas prazas poidan ser utilizadas polos veciños da zona, en función da renda, e con concesións por un prazo de cinco anos que serán revisadas anualmente no que ten que ver cos requisitos económicos.

Tamén saíu adiante unha proposición do BNG para a creación dun programa integral de actividades extraescolares e de conciliación.

Compartir: