PLENO

O Pleno aproba unha declaración institucional para reclamar o cuarto xulgado do Social

17/11/2016 O Pleno da Corporación aprobou hoxe unha declaración institucional na que se reclama a creación dun cuarto xulgado do Social en Santiago. O texto foi acordado polos catro grupos, despois de que a comisión mixta formada pola Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desbotase a posta en marcha desa sala, longamente demandada na cidade.

A Corporación reitera a petición feita polo Concello na declaración institucional aprobada en novembro de 2015, para poder dispor no menor tempo posible do novo xulgado do Social, e lembra que as tres salas actuais teñen tal carga de traballo que acumulan atrasos de ata tres anos na resolución dalgúns casos.

A declaración institucional aprobada hai un ano estaba avalada por un informe elaborado polo Colexio de Avogados de Santiago que sinalaba que as tres salas do Social de Compostela atendían unha media de 1.104 asuntos anuais, cando o Consello Xeral do Poder Xudicial recomenda a creación dun novo xulgado a partir dunha media de 735 asuntos. Ese documento tamén alertaba de que, ao peche de 2014, cada unha das tres salas do Social tiñan pendentes de resolver unha media de 1.804 casos.

O acordo aprobado hoxe súmase á petición que o alcalde, Martiño Noriega, vén de facerlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que medie ante o Ministerio de Xustiza "non para modificar o reparto feito pola comisión mixta Xunta-TSXG, senón para que contemple a creación dun novo xulgado en Galicia que para o Ministerio non tería máis custos que os do persoal".

Pesar pola morte de Narf
O Pleno ordinario de novembro comezou cun minuto de silencio en memoria das últimas vítimas da violencia machista. De seguido, e antes de comezar cos puntos da orde do día, o alcalde deulle lectura a un texto acordado polos catro grupos da Corporación para expresar o pesar polo falecemento de Fran Pérez, Narf. Deste xeito, o Concello recoñece a figura do músico e compositor e sinala que súa morte é "unha perda irreparable para o eido cultural da sociedade galega".

Rede de Entidades Locais pola Compostaxe
Outro dos acordos do Pleno de hoxe é a incorporación de Santiago á Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria. Trátase dun grupo constituído no ano 2008 do que forman parte municipios, mancomunidades e provincias comprometidas co desenvolvemento de accións que contribúan á redución de residuos a través da compostaxe descentralizada. A adhesión de Compostela será efectiva a partir do 1 de xaneiro de 2017, e suporá unha achega de 700 euros anuais.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que o seu Departamento xa está poñendo en marcha algunhas iniciativas para fomentar a compostaxe, "como a instalación de illas comunitarias en Galeras, Santa Marta e Salgueiriños, a modo de proxecto piloto", e mostrouse convencido de que a adhesión a esta rede permitirá seguir avanzando nos obxectivos de limitar a produción de residuos. O acordo adoptouse cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, e coa oposición do PP.

Compartir: