CONSORCIO

Varios grupos de escolares visitaron este mércores a exposición de fotografías en 3D de Santiago e da Catedral na Casa do Cabido

16/11/2016 Baixo o título Compostela, a Terceira Dimensión, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de instantáneas en tres dimensións da cidade de Santiago e da Catedral do estereógrafo coruñés Enrique Criado. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na praza das Praterías, e para a visualización destas fotografías empréganse lentes con filtro de cor.

Esta exposición está a resultar especialmente atractiva para os centros educativos. Esta mañá visitárona dous grupos do CEIP Pío XII, un total de 50 rapazas e rapaces de 6º de Primaria. Dende a súa inauguración, o pasado mes de setembro, son numerosos os estudantes que cada semana están a ter a oportunidade de achegarse a esta experiencia e obter unha visión de Santiago dende unha perspectiva moi semellante á percepción da realidade.

Compostela, a Terceira Dimensión reúne un total de 35 imaxes representativas do casco histórico compostelán, en particular da Catedral e do seu contorno. Hai fotografías nocturnas, dos peregrinos, das prazas, rúas e lugares máis emblemáticos… que foron rexistradas polo autor mediante distintos tipos de cámaras fotográficas en 3D en diferentes épocas ao longo dun período de 16 anos.

Os colexios que estean interesados en coñecer a mostra deberán poñerse en contacto coa Casa do Cabido no teléfono 981 576 661. Pode visitarse no horario habitual do museo, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns está pechada ao público.

Compartir: