ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa estrea "Toni Erdmann", premio FIPRESCI no Festival de Cannes

16/11/2016 Considerada por José Luis Losa, director de Cineuropa, como a película revelación do ano, Toni Erdmann, terceira longametraxe de Maren Ade, chega á pantalla do Teatro Principal ás 20:00 horas deste xoves. No programa do festival desta xornada tamén destaca o concerto da Real Filharmonía de Galicia, que porá música ao filme Metróplis no Auditorio a partir das 20:30 horas.

Toni Erdmann é a historia dun pai que non dubida en disfrazarse para devolverlle o sorriso á súa filla, atrapada polo ritmo de traballo dunha sociedade frenética e consumista. Con toques de estrafalaria comedia non exenta de crítica, Toni Erdmann é un filme de obrigado visionado.

Ás 22:45 horas, no Teatro Principal, cómpre non perderse Le fils de Joseph (O fillo de Joseph), de Eugène Green, unha deliciosa película sobre a procura do pai con momentos realmente cómicos, na que saen rostros coñecidos como Mathieu Amalric ou Maria de Medeiros.

O ornitólogo, de João Pedro Rodrigues, mellor director en Locarno, estrearase ás 23:30 horas no Salón Teatro. A historia dun buscador de cegoñas cuxa busca devén en tola odisea con intentos de castración e ritos satánicos de por medio, será presentada por Xelo Cagiao, actor galego que participa no filme.

Ás 17:00 horas, no Cinema Numax, teremos unha cita con Cinema en curso, un interesante e recoñecido programa de pedagoxía do cine que se desenvolve en colexios e institutos. Dous son os seus obxectivos: propiciar o descubrimento por parte de nenos e mozos do cinema entendido como arte, creación e cultura; e desenvolver as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica no contexto educativo. Á parte de Laia Colell (da asociación A Bao A Qu), o cineasta Marcos Flórez e Mónica García Iglesias (do CGAI), acudirán a presentar esta primeira parte do programa varios alumnos e profesores do IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada, autores da curta O camiño do tempo.

A programación do Salón Teatro comezará ás 18:00 horas co primeiro pase de El último verano, de Leire Apellaniz, un documental sobre o efémero cinema de verán e a súa tendencia á desaparición pola imparable irrupción do dixital.

O Auditorio de Galicia acollerá, ás 20:30 horas, a cita anual que a Real Filharmonía de Galicia ten con Cineuropa. Proxectarase Metrópolis, de Fritz Lang e, baixo a batuta de Manuel Coves, interpretarase a banda sonora do filme, composta por Gottfried Huppertz precisamente para unha grande orquestra sinfónica.

Ao longo desta xornada poderemos asistir ás segundas proxeccións de filmes como Voyage à travers le cinéma français (As películas da miña vida), de Bertrand Tavernier (Teatro Principal ás 16:30 horas); Juste la fin du monde (Só a fin do mundo), de Xavier Dolan (Salón Teatro ás 21:45 horas). Pola outra banda, despídense do festival os filmes Love & friendship (Amor e amizade), de Whit Stillman (Salón Teatro ás 20:00 horas); Portugal - Um dia de cada vez, de João Canijo e Anabela Moreira (Numax ás 19:00 horas); e El lugar de las fresas, de Maite Vitoria Daneris (tamén en Numax ás 21:45 horas).

Direccións relacionadas



Compartir: