ALCALDÍA

Martiño Noriega solicita a mediación da Xunta ante o Ministerio de Xustiza para que Santiago teña un novo Xulgado do Social

16/11/2016 O alcalde de Santiago remitiulle esta mañá unha carta ao presidente da Xunta, para solicitarlle a súa mediación ante o Ministerio de Xustiza para que Santiago conte cun novo Xulgado do Social. Foi despois de que a comisión mixta constituída polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Xunta decidira onte excluír esa Sala no reparto dos novos xulgados cos que contará a nosa comunidade. Martiño Noriega trasladoulle a Alberto Núñez Feijóo a súa preocupación e a do conxunto do Concello, así como a do decano do Colexio de Avogados e a do xuíz decano de Santiago, tras coñecerse esa decisión.

O rexedor recoñeceu que será imposible que a comisión mixta TSXG-Xunta modifique o reparto acordado onte, pero avogou porque o presidente da Xunta medie para que o ministro de Xustiza contemple a creación dunha nova Sala "que non lle suporía ao Ministerio máis custos que os do persoal, porque o resto dos gastos debería asumilos o Goberno galego". Martiño Noriega lembrou que hai moitos datos obxectivos que xustifican a creación dese xulgado, "porque hai casos que as salas sociais de Compostela non resolven en prazos que superan os tres anos". O rexedor lembrou que nestes xulgados abórdanse cuestións sensibles "como as que teñen que ver coas tramitacións das prestacións por dependencia".

Declaración institucional
O alcalde lembrou que a Corporación de Santiago aprobou unha declaración institucional no pasado mes de novembro, na que reclamaba a creación da cuarta sala do Social. Naquel texto, aprobado por unanimidade polos catro grupos da Corporación, lembrábase o informe elaborado polo Colexio de Avogados de Santiago en 2015, segundo o cal as tres salas do Social de Santiago atendían unha media de 1.104 asuntos anuais, cando o Consello Xeral do Poder Xudicial recomenda a creación dun novo xulgado a partir dunha media de 735 asuntos. Ese documento tamén alertaba de que, ao peche de 2014, cada unha das tres salas do Social tiñan pendentes de resolver unha media de 1.804 casos.

Compartir: