ACCIÓN CULTURAL

Os directores Alberto Morais e Albert Serra presentaron en Cineuropa os seus últimos filmes

14/11/2016 Este luns pasou polo festival Cineuropa o director Alberto Morais para presentar o seu último filme, La madre no Salón Teatro. Á mesma hora, no Teatro Principal, Albert Serra, Premio Cineuropa en 2012, conversou co público sobre a súa película La mort de Louis XIV.

Alberto Morais, autor de Las olas e Los chicos del puerto, ofrece en La Madre, segundo José Luis Losa, "un exercicio de gran cinema da honestidade neste drama de inadaptación xuvenil que se consolida na firmeza coa que esquiva as estelas do drama tremendista ou do melodrama choradeiro. Hai nela ecos de cineastas como os Dardenne, pero lonxe de caer en mimetismos de fórmula, constrúe Morais o seu propio territorio no que falar do desamparo, da orfandade con nai viva".

De La mort de Louis XIV, de Albert Serra, o director de Cineuropa destaca a "posta en escena tenebrista, que remite a Caravaggio ou á Lección de anatomía de Rembrandt. A monarquía absoluta que agoniza, con ataque de gota e encarnada nese tótem neno-vello que é Jean Pierre Leaud. Esta ladaíña, coa súa corte dos milagres arredor, este espello cadente da moribundia, é Serra en estado puro. E seduciu a Cannes de novo".

Programa con Médicos sen Fronteiras
A xornada tamén incluíu un programa especial no cinema Numax coa colaboración de Médicos sen Fronteiras, grazas ao que se proxectou o documental Affliction, de Peter Casaer. Este filme lembra o brote de évola na África occidental a través dos ollos das poboacións locais, dos funcionarios das vilas, dos traballadores sanitarios, dos enfermos e dos que se recuperaron.

Compartir: