ACCIÓN CULTURAL

Atalaya teatro presenta "Marat-Sade", de Peter Weiss, dentro do ciclo Teatro & Danza

14/11/2016 Coincidindo co cincuentenario da estrea da obra en español, Atalaya Teatro está xirando con Marat-Sade, de Peter Weiss, con dirección e dramaturxia de Ricardo Iniesta, por Cataluña, Andalucía e Galicia. Chegarán a Compostela o vindeiro sábado, 19 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. As entradas teñen un prezo de 12 euros (cos descontos do 50% para os colectivos habituais) e poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com. Ademais, o propio día do espectáculo tamén se poden adquirir no despacho de billetes do Auditorio de Galicia a partir das 18:00 horas.

Marat/Sade é o nome abreviado de Persecución e asasinato de Jean Paul Marat, representado polo grupo de actores do Hospicio de Charenton baixo a dirección do Señor de Sade. É un dos títulos referenciais do teatro europeo do século XX. Escrito en 1964 por Peter Weiss, autor alemán, aborda os anos posteriores á Revolución Francesa, aínda que pola súa linguaxe e a súa visión resulta dunha extraordinaria actualidade.

O espectáculo, coproducido polo GREC Festival de Barcelona, durante o cal se estreou en Lliure cun enorme éxito, resulta unha festa para os sentidos polos 20 temas musicais interpretados en vivo polos actores, pola inmensa enerxía e multitude de imaxes que se xeran no escenario e polo contacto directo co público. O texto estreouse en español hai xusto 50 anos en Chile, con Víctor Jara como axudante de dirección. Entre o público da estrea atopábanse Pablo Neruda e Salvador Allende.

A estrea en España, en 1968, baixo a dirección de Marsillach, supuxo un dos maiores acontecementos da historia do teatro no noso país. Representado polo CDN noutras dúas ocasións en décadas pasadas, a situación política e social volveulle imprimir unha vixencia absoluta. Marat foi un dos ideólogos da revolución; autor, entre outros, da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, representaba á esquerda.

O Marqués de Sade, un dos personaxes máis controvertidos da historia contemporánea, daría orixe a termos como "sadismo" ou "sado"; confinado durante boa parte da súa vida, escribiu, entre outras obras, Os 120 días de Sodoma. Trátase dunha obra que se inscribe no "teatro dentro do teatro", ao ser interpretada, supostamente, por internos do psiquiátrico onde Sade está recluído, coa excepción de quen encarna á autoridade, o prefecto Coulmier. A través de Marat, da súa asasina -Carlota Corday-, de Sade, de Coulmier e do cura revolucionario libertario Jacques Roux, preséntanse as diferentes posicións ante a Revolución, mentres o pobo é encarnado polo coro de enfermos e polo grupo de cómicos cantores que, xunto ao presentador, confiren á montaxe un carácter próximo ao musical. De feito, a banda sonora e cancións -entoadas en vivo polos actores- xogan un papel esencial na montaxe. O dilema da obra vira ao redor da loita dialéctica entre o individualismo e o colectivo, entre a violencia e a submisión, entre a honestidade e a corrupción.

Compartir: