CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia pon en directo a banda sonora ao filme mudo "Metrópolis"

14/11/2016 No marco da 30ª edición do festival Cineuropa, o vindeiro xoves, 17 de novembro, proxectarase o filme Metrópolis, dirixido no ano 1927 por Fritz Lang e con música do compositor alemán Gottfried Hupperttz. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. De maneira simultánea á proxección desta película muda, a Real Filharmonía de Galicia interpretará en directo a banda sonora orixinal, baixo a batuta do director andaluz Manuel Coves. O filme e as partituras foron cedidas polo European Filme Philarmonic Institute.

Metrópolis é unha película de culto do cinema mudo e referente do expresionismo alemán, de ciencia ficción. Ofrece unha visión apocalíptica da sociedade do futuro. A acción transcorre no ano 2000, na megalópole de Metrópolis, onde a sociedade divídese en dúas clases: os ricos, que teñen o poder e os medios de produción, rodeados de luxos, espazos amplos e xardíns; e os obreiros, condenados a vivir en condicións dramáticas recluídos nun gueto subterráneo, onde se atopa o corazón industrial da cidade. Un día Freder, o fillo do todopoderoso Joh Fredersen, o home que controla a cidade, descobre os duros aspectos laborais dos obreiros tras namorarse de María, unha rapariga de orixe humilde, venerada polas clases baixas e que predica os bos sentimentos e o amor. O fillo advirte ao seu pai que os traballadores poderían rebelarse.

No seu día foi unha gran superprodución da potente produtora alemá UFA, pero foi un fracaso de público. No ano 2010 estreouse a versión íntegra -e orixinal- de Metrópolis, tal e como a concibiu Fritz Lang, con 25 minutos máis de metraxe.

O director Manuel Coves
O director xienense Manuel Coves estudou piano, música de cámara e dirección de orquestra. Dirixiu ás principais orquestras en grandes escenarios de toda España, entre eles O Escorial, Palacio das Artes de Valencia, Teatro da Zarzuela ou Liceo de Barcelona. Tamén se puxo á fronte de formacións sinfónicas en Italia, Austria, Arxentina, Colombia, Brasil, Ecuador... Entre os seus próximos compromisos destaca a dirección da representación de Don Carlo e El amor brujo coa Fura dels Baus nos Teatros del Canal de Madrid.

Compartir: