ACCIÓN CULTURAL

O actor Nathan Willcocks visita Cineuropa para presentar "Compte tes blessures", de Morgan Simon

14/11/2016 Este martes, Cineuropa recibirá ao actor, director e produtor franco-galés Nathan Willcocks, que se achega ao festival para presentar Compte tes blessures, a ópera prima do novo e prometedor Morgan Simon. O filme céntrase en Vincent, un mozo que se atopa perdido entre un traballo que non lle gusta e unha complexa relación co pai.

Willcocks non será o único cineasta presente na rúa Nova. Ás 18:00 horas, no Teatro Principal, contaremos de novo coa presenza de Alberto Morais para conversar sobre a súa última película, La Madre.

No Principal tamén terán lugar as outras dúas grandes estreas do día. Ás 20:00 horas dará comezo Love & Friendship (Amor e amizade), Whit Stillman, unha adaptación cinematográfica do relato Lady Susan, de Jane Austen. Trátase dunha elegante comedia de enredos que, segundo José Luis Losa, director do festival, "provocou, na súa estrea en Róterdan, as maiores gargalladas que escoitamos este ano nunha sala de cine".

Ás 21:45 horas, no mesmo Principal, comezará Juste la fin du monde (Só a fin do mundo), o novo do enfant terrible Xavier Dolan, a quen este festival lle dedicou unha retrospectiva na edición de 2012. O filme, Gran Premio do Xurado no Festival de Cannes, trata dun mozo que visita a súa familia sabedor de que a súa morte está próxima. Dolan aproveita a reunión familiar para indagar na introspección persoal, a incomunicación e o amor desaforado. Cinema psicolóxico e emocional.

No Cinema Numax poderemos asistir, ás 20:00 horas, ao primeiro pase de El caso boliviano, un documental de investigación periodística dirixido por Violeta Ayala que indaga na cobertura que os medios de comunicación, ás veces perversos, outorgaron ao caso de tres mozas norueguesas detidas en Bolivia por tráfico de drogas no ano 2008. Na mesma sede, proxectaranse os segundos pases de Todo comenzó por el fin, de Luis Ospina (ás 16:30 horas); e La última tierra, de Pablo Lamar (ás 22:00 horas).

A programación do día completarase co segundo pase de Dog eat dog, o novo do guionista de Taxi Driver, Paul Schrader; co último pase de Helmut Berger, actor, de Andreas Horvath (ás 18:30 horas no Salón Teatro); e coas proxeccións gratuítas en varias salas de filmes das seccións O Polar: a Idade de Xeo do cinema negro francés e Marcello: 20 anos despois.

Direccións relacionadas



Compartir: