TURISMO

"Compostela Ilustrada", un éxito para a proxección exterior da cidade

14/11/2016 O I Encontro de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada superou as mellores expectativas do Concello. Desde o xoves 10 ata o domingo 13, o encontro reuniu en Santiago a máis de 200 debuxantes, que se sumaron aos obradoiros, quedadas e clases maxistrais incluídas no programa.

Compostela Ilustrada trouxo á nosa cidade participantes chegados non só de toda Galicia, senón tamén de Barcelona, Sevilla, Madrid, ou Zaragoza. Todos eles compartiron espazos con nomes recoñecidos da ilustración como Catel Muller, Sagar Fornies, Inma Serrano, Jorge González, Clara Marta, Fermín Solís, Ana Luisa Frazao ou Joaquín González Dorao. A celebración do I Encontro de Cadernos de Viaxe foi un éxito porque contribuíu á proxección turística da cidade e porque creou un ambiente inigualable na capital galega ao longo dos catro días de duración do evento.

Ao igual que o Concello, tamén o director de Compostela Ilustrada mostrou a súa satisfacción polo poder de convocatoria do Encontro nesta primeira edición. Miguelanxo Prado incidiu na proxección exterior de Santiago que supuxo o evento, porque "a maioría dos ilustradores participantes son moi activos en redes, e porque os cadernos de viaxe que aquí se fixeron non desaparecerán pasados estes catro días, senón que na súa meirande parte serán volcados en soportes dixitais, o que lle dará una dimensión e una proxección incalculable".

Ademais, adiantou a súa vontade de que as ilustracións realizadas durante as xornadas sexan recollidas nunha publicación en papel. Tamén está previsto que se reúnan nunha futura exposición. Compostela Ilustrada tamén permitiu poñer en marcha diversos proxectos de colaboración artística, como a edición dun libro, a programación dunha exposición dun relevante autor brasileiro e a colaboración cun colectivo portugués de ilustradores para a realización de actividades en común, o que dota ao Encontro dun valor engadido.

Un encontro aberto á cidade
Compostela Ilustrada non foi un encontro só para cadernistas, senón que estivo aberto á cidadanía, que se foi sumando ao programa co paso dos días. Dende o xoves ata o domingo, a presenza de ilustradores espertou un grande interese en lugares tan emblemáticos coma o claustro de Fonseca, os patios do Hostal dos Reis Católicos, a Facultade de Xeografía e Historia, a Cidade da Cultura, o Mercado de Abastos ou a Biblioteca Americana da USC. Deste xeito, o Encontro rematou por converterse tamén nun foco de atracción turística. Tamén tiveron moi boa acollida as aulas didácticas para nenos e nenas e as clases maxistrais de debuxantes como o propio Miguelanxo Prado, Ana Luisa Frazao ou Joaquín González Dorao.

O I Encontro de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada foi organizado grazas a unha achega de 20.000 euros do Concello de Santiago.

Compartir: