TURISMO

Tres clases maxistrais centran o programa da última xornada de "Compostela Ilustrada"

12/11/2016 Despois de dúas intensas xornadas, este domingo remata o I Encontro de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada no que, baixo a dirección de Miguelanxo Prado, participan nove ilustradores de sona mundial. Tres clases maxistrais, unha presentación e outro encontro para debuxar cos nenos e nenas integran o programa da xornada final.

Dous dos ilustradores convidados ao Encontro e mais o seu director impartirán mañá tres clases maxistrais no Centro Galego de Arte Contemporánea. Ás 11:00 horas será a vez de Miguelanxo Prado (A Coruña, 1956). É un dos máis celebrados debuxantes europeos. A súa obra, publicada en máis de vinte idiomas, abrangue con éxito a historieta —dende a páxina humorística a novela gráfica—, a animación —dende o cine de autor á colaboración con Spielberg—, e a ilustración. O seu penúltimo libro, Ardalén, foi Premio Nacional de Cómic en 2013. Este labor artístico compleméntase coa súa faceta de dinamizador do medio coa creación do salón do cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico, un referente en toda Europa que dirixe dende hai 18 anos, os Premios Castelao de Cómic, e agora este Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe..

A clase maxistral das 15:45 horas será por conta de Ana Luisa Frazao (Almeirim, Portugal, 1960). Licenciada en Deseño de Produción Visual, é mestra de Artes Visuais dende 1981 e formadora en workshops sobre cadernos de viaxe. Pertence ao grupo de Urban Sketchers Portugal, onde coordina o grupo Oeste. Participa en exposicións de acuarelistas e cadernos de viaxe dende 1995.

A derradeiras das clases maxistrais terá lugar a partir das 15:45 horas estará protagonizada por Joaquín González Dorao (Cádiz, 1962). É ilustrador profesional e autor de cadernos de viaxe sobre distintos lugares do mundo. Nas súas obras mestúranse as súas dúas paixóns, a acuarela e a viaxe, aspectos que combina, dende que empezou a moverse polo mundo, alá polos anos 80 do pasado século. Visitou os cinco continentes e desas viaxes saíron un feixe de libros publicados nas mellores editoriais especializadas.

A asistencia a estas charlas e libre e de balde até completar o aforo da sala.

Debuxando cos nenos e nenas
O ilustrador Fermín Solís (colaborador de publicacións como El País, Icon ou Rockdelux e autor do libro Así es Santiago levará os rapaces e rapazas a debuxar os animais do Museo de Historia Natural, entre as 11:00 e as 13:00 horas.

BosSCQuejeros
Ás 13:00 horas, na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, terá lugar a presentación do libro e da mostra de cadernos de viaxe boSCQuejeros a Compostela, na que se recollen os traballos do colectivo compostelán boSCQuejeros, un grupo de afeccionados ao debuxo que dende o ano 2005 veñen realizando quedadas para debuxar a cidade.

A mostra, que se poderá visitar ata fin de mes, recolle una colección de acuarelas e unha selección dos materiais que este colectivo utiliza cando sae a debuxar.

Direccións relacionadas



Compartir: