ESPAZOS CIDADÁNS

Aprobado o proxecto modificado das obras da rúa de Montero Ríos

11/11/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto modificado das obras de humanización da rúa de Montero Ríos, derivado de varios imprevistos que foron xurdindo durante a execución dos traballos. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou os detalles do modificado, que suporá unha ampliación de 16 semanas no prazo para a execución do proxecto.

Jorge Duarte aclarou que dentro dese prazo se inclúen as máis de catro semanas nas que as obras estarán paralizadas para non interromper a campaña de Nadal, tal e como se acordou cos veciños e comerciantes da zona. Será, en concreto, do 2 de decembro ao 7 de xaneiro, e nese tempo a rúa "estará perfectamente transitable, sen maquinaria pesada e sen gabias".

Imprevistos nas obras
O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que "foi preciso redactar un proxecto modificado para atender aos diversos imprevistos que foron xurdindo durante as obras". Así, Jorge Duarte explicou que coas escavacións detectouse presenza de rocha na confluencia de Montero Ríos coa costa da Camelia e Rapa da Folla, e tamén apareceu unha soleira de formigón da que non se tiña coñecemento baixo a calzada da rúa. Pola contra, apuntou o edil, "non existía a soleira de formigón que debería haber debaixo das beirarrúas, e foi preciso construíla".

Segundo o concelleiro de Espazos Cidadáns, "o que máis entorpeceu as obras foi que os planos das canalizacións de servizos non coincidían coa realidade, e foi preciso chegar a acordos con Gas Natural-Unión Fenosa e R para realizar retranqueos e poder instalar as illas de colectores soterrados". Este é o motivo, explicou, de que "a beirarrúa esquerda de Montero Ríos en sentido subida estea practicamente rematada, pero na dereita os traballos vaian con máis atraso".

Máis arborado
Ademais dos imprevistos, Jorge Duarte explicou que o proxecto modificado aprobado hoxe inclúe "máis árbores das previstas inicialmente, porque así o solicitou a veciñanza". En concreto, pasarán de 17 a 31. O concelleiro de Espazos Cidadáns amosouse convencido de que "este cambio contribuirá a humanizar aínda máis a rúa, na que xa se empeza a observar a mellora do espazo peonil".

O edil aproveitou para anunciar que a partir da próxima semana os autobuses volverán a circular por Xeneral Pardiñas, facendo a subida pola Senra en lugar de por Montero Ríos.

Compartir: