FACENDA

A proposta do Goberno local para os orzamentos de 2017 inclúe tres millóns de euros de investimentos vinculados á EDUSI

11/11/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta en rolda de prensa da segunda xuntanza mantida cos grupos da oposición no marco do proceso de negociación dos orzamentos do 2017.

María Rozas trasladoulle na reunión mantida onte un borrador de investimentos vinculados coa EDUSI "que elaboramos grazas á información remitida polos grupos da oposición na enquisa de priorización remitida a semana pasada". Por iso, a concelleira entende que este proxecto "é un documento de consenso, porque o 80% do importe incorporado neste borrador coincide coas prioridades marcadas pola oposición".

O borrador inclúe 3.025.000 euros de investimentos vinculados á EDUSI, un documento que "os voceiros da oposición se comprometeron a estudar cara as reunións bilaterais que manteremos a partir da semana que vén", sinalou Rozas. A intención do goberno pasa por pechar canto antes os proxectos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible que se incorporarán de forma definitiva ao orzamento do ano que vén para ir avanzando no documento orzamentario.

María Rozas explicou que "o resultado desta priorización da EDUSI, sumado aos proxectos aprobados pola veciñanza no marco dos orzamentos participativos, serán os dous grandes eixos do capítulo de investimentos do próximo ano". Ademais a concelleira cualificou a xuntanza de onte como "moi positiva, posto que serviu para comprobar que existe unha gran coincidencia entre todos os grupos sobre o que entendemos que debe ser prioritario para a nosa cidade".

Patio de Madres e Castrón Douro
O documento presentado onte polo Goberno inclúe 15 proxectos valorados en 3.025.000 euros. Dese orzamento prevense 736.400 euros para unha primeira fase do proxecto de reurbanización das rúas Patio de Madres e Castrón Douro. María Rozas explicou que a división por fases débese a que a obra ten unha duración estimada de 18 meses e "contamos con que o Ministerio de Facenda non habilite os fondos ata o primeiro trimestre do ano, o que nos obrigaría a comezar as licitacións despois desa data". Ademais, e tal e como xa explicou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, estanse a buscar outros fondos a maiores dos europeos e dos propios para acometer este proxecto. "Entendemos", engadiu María Rozas, "que a Xunta debería involucrarse xa que se trata dun vieiro importante para o Camiño de Santiago".

Neste borrador inclúense tamén 600.000 euros para a creación dunha plataforma de administración electrónica e módulos de tramitación electrónica para urbanismo, tráfico, servizos sociais e medio ambiente, e outros 600.000 para o proxecto de vieiros e beirarrúas en Batalla de Clavijo e anexas.

Tamén se inclúe un orzamento de 200.000 euros para o 2017 destinado á realización de actuacións puntuais e sistemáticas de mellora de accesibilidade universal do espazo público derivadas do Plan de Accesibilidade Universal.

Compartir: