TURISMO

Os participantes en "Compostela Ilustrada" debuxan os seus recunchos preferidos da cidade

11/11/2016 Este venres comezaron a desenvolverse as actividades programadas no I Encontro de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, no que participan nove ilustradores/as de sona mundial.

Cinco dos ilustradores/as, acompañado/as polas persoas inscritas no Encontro percorreron as rúas e diversos espazos de Santiago para debuxar os seus cadernos de viaxe nos lugares que máis lles fascinan.

Catel Muller centrouse en "lugares singulares" da cidade; Inma Serrano debuxou "Santiago e os santiagueses"; Jorge González indagou na "Compostela verde: parques e ríos", Sagar Fornies fixo o propio coa "arquitectura contemporánea" e Miguelanxo Prado debuxou "Santiago dende as alturas". O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou os/as participantes que estiveron debuxando sobre esta última temática na Alameda.

Os ilustradores retomarán a actividade este sábado, entre as 9:45 e as 12:30 horas. Así, Catel Muller desprazarase ata a Facultade de Xeografía e Historia; Inma Serrano retratará "Santiago e os santiagueses" en espazos coma o Café Derby ou a rúa do Vilar; Jorge González fará o propio no Mercado de Abastos; Miguelanxo Prado estará debuxando no Museo da Catedral e no Pazo de Fonseca; e Sagar Fornies trasladarase a debuxar a "arquitectura contemporánea" da Cidade da Cultura.

Clases maxistrais
Xa pola tarde terán lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea dúas clases maxistrais. Ás 15:45 horas será oa vez de Catel Muller (Estrasburgo, 1964). Traballa dende 1990 no mundo da ilustración e da banda deseñada, disciplina, pola que é coñecida grazas ás biografías de mulleres, como Kiki de Montparnasse, Olympe de Gouges e, recentemente, Josephine Baker, artista da que ven de publicar a súa primeira biografía autorizada.

A clase maxistral das 17:00 horas será por conta de Sagar Fornies (Huesca, 1974). Combina o seu traballo de director de arte nun estudio de animación coa labor de freelance. Ten varios cadernos de viaxe publicados sobre as Ramblas de Barcelona, o Eixample e a cidade de Barcelona. En 2015 publicou Barcelona, los vagabundos de la chatarra co escritor Jorge Carrión, un libro que combina o sketching e o xornalismo coa linguaxe do cómic e que foi nomeado ao Premio Gabriel García Márquez.

Na xornada do sábado, o CGAC acollerá outras dúas clases maxistrais. Ás 15:45 horas será a vez de Jorge González (Bos Aires, 1970). En 2009 gañou o primeiro Premio FNAC-Sinsentido coa súa novela gráfica Fueye/Bandonéon. Tras esa obra chegarían outras para público infantil. É autor da curtametraxe de animación Jazz Song e colabora con The New Yorker.

A clase maxistral das 17:00 horas daraa Inma Serrano (Sevilla, 1973). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, é mestra de debuxo. No campo da ilustración ten colaborado con revistas literarias e xornais como Le Monde Diplomatique. O seu interese no debuxo céntrase en captar a vida cotiá da xente na cidade.

A asistencia a estas charlas e libre e de balde até completar o aforo da sala.

Coñecendo a...
Dentro do apartado que o Encontro dedica a dar a coñecer a obra dos oito ilustradores convidados, este venres terán lugar dúas citas. Así, o arxentino Jorge González presentará as súas obras e asinará libros ás 18:30 horas na Libraría Kómic. Pola súa parte, Sagar Fornies fará o propio ás 19:30 horas na Libraría Couceiro.

O sábado, Fermín Solís presentará as súas obras e asinará libros ás 18.30 horas na Libraría Cronopios. A ilustradora portugesa Ana Luisa Frazao presentará o seu libro Uma semana na cozinha e asinará exemplares ás 19.30 horas na Galería Sargadelos.

Noites gastronómicas
A deste venres será a primeira das "Noites gastronómicas" organizadas por Compostela Ilustrada en colaboración con Santiago(é)tapas. Os participantes nesta actividades acompañados pola ilustradora Clara Marta sairán, a partir das 21:00 horas, de viños e tapas polos bares e tabernas da zona vella para cear e debuxar ao mesmo tempo. A saída repetirase este sábado.

Debuxando cos nenos
Arredor de 90 nenos e nenas de máis de 8 anos terán mañá a oportunidade de saír a debuxar con grandes mestres da ilustración a nivel mundial. A ilustradora portuguesa Ana Luisa Frazao (pertencente ao colectivo Urban Sketches) levará os rapaces e rapazas a debuxar produtos de tempada ao Mercado de Abastos, entre as 11:00 e as 13:00 horas.

O gaditano Joaquín González Dorao (ilustrador especializado en cadernos de viaxe) e Fermín Solís (colaborador de publicacións como El País, Icon ou Rockdelux) sairán de tendas con 30 nenos e nenas para debuxar unha ducia de establecementos comerciais das rúas Nova, Xermírez e das Orfas.

Xa pola tarde, entre as 16:30 e as 18:30 horas, Joaquín González Dorao achegarase con 40 rapaces ata o Gaiás para debuxar as formas da Cidade da Cultura.

Compartir: