XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno resolve a concesión de axudas á dinamización comercial

11/11/2016 A Xunta de Goberno resolveu hoxe a convocatoria de axudas para actividades de promoción e dinamización comercial, da Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo. Serán catro as entidades que reciban esas achegas: Santiago Centro (22.385 euros), Compostela Monumental (22.523,48 euros), Em-Rede (2.653,58 euros), e a Federación de Libreiros de Galicia (1.987,9 euros).

Estas entidades poderán xustificar as subvencións ata o 30 de novembro, despois de que a Xunta de Goberno tamén aprobara hoxe unha ampliación do prazo, previsto inicialmente para o 15 de novembro.

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe o convenio de colaboración entre o Concello e a SD Compostela, que recolle unha subvención nominativa de 65.000 euros. Do mesmo xeito, acordouse o pago do primeiro prazo do convenio asinado co Obradoiro CAB (47.000 dun total de 65.000 euros), e do primeiro prazo do convenio co Club Arteal Tenis de Mesa (7.200 dun total de 9.000 euros).

Do eido da cultura, o Goberno local deulle luz verde ao convenio de colaboración coa Sala Capitol, que supón unha achega de 12.000 euros; e coa agrupación Cantigas e Agarimos, por 3.500 euros. Por último, e a proposta da concelleira de Desenvolvemento Económico, aprobouse un convenio de colaboración coa Praza de Abastos, por un importe de 10.000 euros.

Acordos coa USC
Na reunión desta mañá, o Executivo aprobou dous convenios coa Universidade de Santiago. Un deles ten como obxectivo a realización dunha unidade didáctica e itinerario sobre a II República en Compostela, e suporá unha achega do Concello de 4.000 euros. O segundo está relacionado coa realización de actividades para o fomento da memoria democrática e a lembranza do golpe de Estado de 1936, e a el destinaranse 18.000 euros.

Licenzas da Fundación Catedral
Finalmente a Xunta de Goberno de hoxe deulle luz verde ás licenzas solicitadas pola Fundación Catedral de Santiago para a execución de diferentes obras na basílica compostelá. Así, concedeuse licenza para as obras de restauración nas torres da praza do Obradoiro, para a restauración de fachada, cripta e terraza do Obradoiro, e para a reparación da cúpula e lanterna da Torre do Reloxo.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: