ACCIÓN CULTURAL

Oliver Laxe visita Cineuropa para presentar a súa premiada "Mimosas"

10/11/2016 O Teatro Principal abriralle as portas de novo este venres a Oliver Laxe, que visita Cineuropa para presentar Mimosas. O cineasta galego, premio Cineuropa 2010, volve ao festival despois de facerse co premio na Semana da Crítica do Festival de Cannes co seu último filme. Será ás 20:00 horas.

José Luis Losa, director de Cineuropa, define a película como unha "epopea, non sei se mística, pero en todo caso si reivindicativa dunha idea da fe que pode ir de Herzog a Tarkovski, de Ozu a Dreyer". Oliver Laxe virá con Shakib Ben Omar, actor que tamén o acompañara na presentación de Todos vós sodes capitáns. Ámbolos dous falarán cos espectadores sobre as súas experiencias e a rodaxe de Mimosas.

De seguido, ás 22:30 horas, no mesmo Principal, proxectarase un dos filmes máis agardados da edición, The neon demon, de Nicolas Winding Refn, un conto moral provocador e esteticista que non deixará indiferente a ninguén.

O novo de Juho Kuosmanen, The happiest day in the life of Olli Mäki, gañadora da sección Un Certain Regard en Cannes, exhibirase no Salón Teatro ás 20:00 horas. Baseado nun personaxe real, é un enfrontamento ao mundo do boxeo máis tenro que naturalista.

The love witch (A bruxa do amor), de Anna Biller, ocupará a pantalla do Principal ás 00:30 horas. A película de Biller foi unha das sorpresas do ano dende a súa estrea no Festival de Róterdam. Trátase dunha curiosa mestura entre cine erótico softcore, reivindicación post-feminista e homenaxe ao tecnicolor.

No Salón Teatro teremos unha nova oportunidade de ver Lady Macbeth, de William Oldroyd (ás 21:45 horas), e The nine, de Katy Grannan e Hannah Hughes, que se pasa ás 18:00 horas por derradeira vez no festival.

Tamén hai que salientar unha nova cita co Panorama Audiovisual Galego, que comezará no Cinema Numax ás 16:15 horas con tres interesantes pezas de Alberto Lobelle (Den Pobedy: Día da Vitoria), David Varela (Freedom to kill the other's children), e Xurxo Chirro (Jeanette). Nos mesmos Numax poderemos asistir a dúas sesións dedicadas á comprometida sección Cine e tupamaros: da loita armada á presidencia, con El almanaque, de Pedro Charlo, e Siete instantes, de Diana Cardozo. De seguido, a proxección de Todo comenzó por el fin, unha película documental de Luis Ospina, o único sobrevivinte de Caliwood. Un fermoso paseo polo lado escuro de alguén que viviu para contalo.

A programación do día completarase con varios filmes da sección O Polar: a idade de xeo do cinema negro francés, de entrada libre ata completar aforamento.

Direccións relacionadas



Compartir: