ALCALDÍA E TURISMO

Aberto o I Encontro de Cadernos de Viaxe "Compostela Ilustrada"

10/11/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou o I Encontro Internacional de Cadernos de Viaxes Compostela Ilustrada, que se celebra ata o vindeiro domingo. No acto, celebrado na Fundación Torrente Ballester, tamén participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o ilustrador Miguelanxo Prado e a concelleira de Turismo, Marta Lois.

Debuxantes de prestixio internacional reúnense en Santiago para recrear Compostela dunha maneira orixinal e diferente nos seus cadernos de viaxe. A francesa Catel Muller, o hispanoarxentino Jorge González, a sevillana Inma Serrano (unha das artistas máis activas nos grupos de Urban Sketchers nas redes sociais) ou o aragonés Sagar Forniés son algúns dos nomes encargados das clases maxistrais teóricas e prácticas, nas que participarán como invitados outros coñecidos debuxantes.

O traballo dos artistas en Compostela Ilustrada terá cinco eixos temáticos: Santiago dende as alturas, para debuxar o centro histórico dende os edificios máis altos ou con mellores vistas; os santiagueses, para recoller escenas en locais emblemáticos coma o Casino, o Derby ou o Gato Negro; a Alameda, os ríos e a Cidade da Cultura. A maiores das clases maxistrais, haberá unha quedada onde público e autores debuxarán e compartirán experiencias.

Despois das xornadas, haberá unha exposición sobre os cadernos de viaxe dos autores invitados, acompañada por unha mostra de cadernos de viaxe físicos do movemento Urban Sketchers.

Direccións relacionadas



Compartir: