FACENDA E ESPAZOS CIDADÁNS

O Goberno local inicia os traballos previos para o desenvolvemento da EDUSI

07/11/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deron conta hoxe das conclusións do VI Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas celebrado a semana pasada en Madrid para clarexar os pasos a dar para o desenvolvemento da EDUSI. Na xuntanza estiveron representados todos os concellos que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas seleccionou na primeira convocatoria como beneficiarios dos fondos europeos.

Jorge Duarte sinalou que un dos primeiros asuntos abordados no Pleno tivo que ver coas contías recibidas polos distintos municipios. Así, dende o Ministerio explicouse a decisión de que os concellos de menos de 100.000 habitantes puideran recibir un máximo de 10 millóns de euros, e non os 15 contemplados inicialmente, co obxectivo de que da convocatoria se puideran beneficiar máis cidades. Deste xeito, a EDUSI de Santiago recibirá a maior cantidade posible, e o Concello terá que reaxustar os proxectos que pretende financiar.

Pendentes dos trámites do Ministerio
O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que os concellos non poderán avanzar demasiado no desenvolvemento da EDUSI ata que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas non aprobe a resolución definitiva da convocatoria, unha vez teña resoltas as alegacións presentadas. Jorge Duarte lembrou que "o Goberno de Compostela presentou a súa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado en xaneiro, estaba previsto que a resolución do Ministerio se coñecera a finais de maio, pero finalmente tivemos que agardar ata o mes de outubro". Deste xeito "non puidemos iniciar ningún dos proxectos previstos no documento e que xa tiñamos presupostados para 2016, e segundo os prazos manexados na reunión de Madrid é probable que non poidamos licitar nada ata o segundo trimestre de 2017".

O edil sinalou que, antes de iniciar as licitacións, o Concello ten que aprobar un Manual de Procedemento que terá que recibir o visto bo do propio Ministerio, previsiblemente a finais de ano. Nese documento definiranse as accións a financiar con fondos europeos, sempre cumprindo os obxectivos temáticos da EDUSI en canto a modernización tecnolóxica, accesibilidade, inserción social e redución das emisións contaminantes.

Traballos previos do Goberno local
A concelleira de Economía e Facenda explicou que o Goberno local xa foi desenvolvendo algún traballo previo, para axilizar o desenvolvemento da EDUSI unha vez que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas teña resolta a súa parte do procedemento. Nesa liña, María Rozas explicou que o Executivo "vai elaborar un informe sobre as prioridades, tendo en conta tamén a postura da oposición".

A edil explicou que xa se lle remitiu a PP, PSOE e BNG un cuestionario ao respecto, se ben de momento só foi respondido por populares e nacionalistas. Rozas mostrouse convencida de que "haberá consenso, porque moitas das prioridades expresadas por PP e BNG son coincidentes coas fixadas polo Goberno". Ao longo desta semana, haberá unha reunión entre goberno e oposición para seguir avanzando "porque é fundamental decidir que accións vinculadas á EDUSI e financiadas con fondos europeos hai que incluír nos orzamentos municipais de 2017".

Compartir: