TURISMO

Santiago volve á feira World Travel Market de Londres

07/11/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, manterán reunións con touroperadores de todo o mundo no marco da WTM de Londres, que se celebra entre o 7 e o 9 de novembro.

Trátase da maior reunión mundial do turismo profesional xunto a outros eventos como a ITB de Berlín ou Fitur. Está estimado que cada edición desta feira xera contratos por valor de 2.200 millóns de euros.

O evento, que conta con preto de 5.000 expositores de 182 países e 50.000 compradores especializados, ademais de 100.000 visitantes, é unha oportunidade única para contactar e pechar tratos cos maiores compradores europeos e mundiais de turismo cultural e de congresos, así coma medios de comunicación de todo o mundo.

Turismo de Santiago ocupa na WTM un espazo dentro do stand de Turismo de Galicia e cumprirá cunha apertada axenda de reunións que inclúe turoperadores, axencias e empresas turísticas de todo o mundo, especialmente europeas e asiáticas.

O mercado turístico británico é o sexto en importancia en Santiago de Compostela, e aportou o ano pasado 38.206 turistas, cifra que se ve incrementada no que vai do 2016 en arredor dun 8%. Ata outubro remataron o Camiño de Santiago 5.910 peregrinos británicos, o que fai do seu país o sétimo mercado estranxeiro en orixe de camiñantes.

Impacto
A WTM de Londres ofrece cada ano unha oportunidade única a toda a industria do turismo mundial de reunirse, establecer contactos, negociar e levar a cabo actividades comerciais. World Travel Market ofrecerá aos seus participantes a oportunidade de coñecer as últimas tendencias da industria do turismo de forma eficiente, eficaz e produtiva.

Compartir: